Inicio Carballo ao día Avisos A rapazada pode desfrutar todo o mes de agosto...

A rapazada pode desfrutar todo o mes de agosto das atraccións instaladas no San Martiño. Os luns, descontos do Día do Neno

Venres 13 de agosto do 2021

O Diario Oficial de Galicia publicado o xoves 5 de agosto coa actualización das normas de prevención da COVID-19 autoriza a instalación de atraccións de feira nos concellos en risco alto, como é o caso de Carballo, sempre que se cumpran unha serie de medidas. Este cambio normativo permite o regreso das atraccións ao San Martiño.

Dada a importancia do sector do noso concello, é intención do Concello de Carballo facilitar o desenvolvemento dunha actividade económica fundamental para moitas familias, sempre cumprindo tanto coas normas municipais coma coas medidas de prevención da COVID-19que establezan as autoridades sanitarias en cada momento. As publicadas no DOG de do 5 de agosto son as seguintes:

  • Nos espazos nos que se instalen atraccións de feira respectaranse a distancia de seguridade interpersoal e as medidas hixiénicas esixibles a cada instalación ou actividade.
  • Deberá sinalizarse o espazo no que se desenvolvan as atraccións de maneira que se facilite o establecemento de puntos diferenciados de entrada e saída.
  • Tanto o público coma o persoal deberá levar máscara e en todas as atraccións deberá haber xel desinfectante.
  • Cada atracción deberá aplicar as medidas de limpeza e desinfección adecuadas ao tipo de actividade, á frecuencia e ás condicións de uso. En todo caso, someterase a unha limpeza ao remate de cada xornada de uso.
  • Non se permitirán piscinas de bólas, pola dificultade da súa limpeza, pero ese espazo poderá dedicarse a outra actividade lúdica para o público infantil. Nas atraccións inchables o aforo non superará o 50%.
Dende o Concello de Carballo tamén se toman medidas con respecto ao horario de apertura, que será como máximo de 10:00 a 21:00 horas, e non se permitirá música ambiental nin aparatos emisores de sons molestos para a veciñanza. O sector decidiu establecer o luns como Día do Neno, con descontos especiais.

Compartir: