O Concello de Carballo inviste nestes momentos máis de medio millón de euros en obras de aglomerado de vías en seis parroquias
Evencio Ferrero asinou o contrato para a execución das obras de mellora da estrada entre O Igrexario de Lema e A Vixía
Xoves 28 de febreiro do 2019 Carballo ao día
A sinatura do contrato realizouse na Alcaldía
O Concello de Carballo está a realizar nestes momentos un investimento de máis de medio millón de euros en obras de aglomerado de vías que mellorarán as comunicacións en seis parroquias. O alcalde, Evencio Ferrero, vén de asinar un contrato coa empresa Construcciones López Cao para a vía entre O Igrexario de Lema e A Vixía, que constituía unha das principais demandas trasladadas pola veciñanza a través do Consello Parroquial de Lema. O investimento acada os 206.728,50 euros.
Pola súa banda, a empresa Lancer Proyectos y Obras ten en execución outras tres actuacións, por valor de 326.117 euros, nas vías de Mirón (Bértoa) á DP 1902 (Carballo-Razo), de A Ponte de Bértoa ao Moucho de Berdillo e de Bolón á Gándara (Sofán). Nestas últimas semanas estívose traballando na limpeza de gabias e na preparación das plataformas, e para a vindeira está previsto que comece o aglomerado. Coma no caso anterior, estas tres obras dan resposta ás solicitudes presentadas pola veciñanza a través dos consellos parroquiais.
O plan de aglomerado de vías estruturantes comezou o ano pasado polas parroquias de Noicela, Lema, Rebordelos e Aldemunde, nas que foron acondicionados 5,3 quilómetros de estradas cun orzamento de 221.323,75 euros.
Para este ano 2019 tamén están previstos os aglomerados das vías de Xoane ao Piñeiro (Goiáns) e de As Torres (Oza) a Cances Grande, que suporán un investimento de máis de 440.000 euros.