21 DE FEBREIRO NO PANTEÓN DE GALEGOS ILUSTRES
Alfredo Brañas recibe unha nova homenaxe en Santiago coincidindo co 119º aniversario do seu pasamento
O acto, organizado polo Padroado Alfredo Brañas, contará coa presenza dos alcaldes de Santiago e Carballo
Mércores 20 de febreiro do 2019 Carballo ao día
Imaxe da mesa redonda celebrada o 11 de xaneiro
Despois da homenaxe celebrada o 11 de xaneiro en Carballo, coincidindo co 160º aniversario do seu nacemento na nosa vila, Alfredo Brañas volverá a ser lembrado este xoves 21 de febreiro en Santiago, onde faleceu hai 119 anos. O Padroado Alfredo Brañas, que está a traballar pola recuperación e a posta en valor dunha figura clave da política e das letras galegas, levará a cabo no Panteón de Galegos Ilustres, onde repousan os seus restos, un novo acto de recoñecemento social.
Alfredo Brañas finou o 21 de febreiro do ano 1900. Con motivo da efeméride, mañá xoves ás 11.30 horas realizarase unha ofrenda floral na súa tumba. Ao acto asistirán, entre outras autoridades, os alcaldes de Santiago, Martiño Noriega, e Carballo, Evencio Ferrero, que estarán acompañados pola presidenta do Padroado Alfredo Brañas, Adriana Hurtado de Mendoza.