MEDIO AMBIENTE
Recollidos 968 quilos de residuos, na súa maioría plásticos, na campaña de limpeza de praias coordinada por Hábitat
O litoral carballés tamén acolleu nas últimas semanas xornadas de observación de aves e eliminación de especies invasoras
Luns 18 de febreiro do 2019 Carballo ao día
Grupo de voluntariado ambiental que participou na limpeza das praias
O grupo de voluntariado ambiental que participou na xornada de limpeza das nosas praias organizada pola Obra Social Abanca e xestionada polo Grupo Naturalista Hábitat recolleu un total de 986 quilos de residuos. Os plásticos supuxeron a maior parte, con 878 quilos. Os restantes repartíronse entre papel e cartón (6 quilos), vidro (20 quilos) e outros (64 quilos).
A limpeza enmarcouse no proxecto “Traballando pola mellora do patrimonio natural”, que inclúe distintas actividades para a posta en valor e conservación do medio natural.
Actividade organizada por Senda Nova o Día Mundial dos Humidais
O noso litoral vén sendo escenario nas últimas semanas de iniciativas encamiñadas á súa difusión e protección. O Grupo Naturalista Hábitat colaborou tamén coa Asociación Ambiental Senda Nova na xornada de achegamento á lagoa de Baldaio que se levou a cabo coincidindo co Día Mundial dos Humidais, na que unhas corenta persoas puideron coñecer máis polo miúdo a súa importancia ecolóxica, cultural e social, ademais de participar nunha interesante xornada ornitolóxica.
A ornitoloxía foi, así mesmo, unha das actividades que centrou a xornada conmemorativa do Día Mundial dos Humidais que levou a cabo o colectivo naturalista Adega en colaboración coa Xunta e o Concello de Carballo. Pero o groso desta iniciativa non foi a observación de aves, senón a loita contra distintas especies invasoras.
Adega realizou un traballo de eliminación de especies invasoras
En Razo o traballo centrouse na eliminación da unlla de gato ou herba coitelo (Carpobrotus edulis), unha das especies invasoras máis perigosas para os ecosistemas dunares ao tapizar a superficie do terreo e desprazar a flora autóctona. Os/as voluntarios/as localizaron catro zonas de concentración de unlla de gato, que foi retirada de xeito manual, arrincando a planta de raíz. En Baldaio actuouse sobre tres especies: Cortaderia selloana, Pittosporum tobira e Helichrysum petiolare, que empeza a aparecer na costa galega, e da que neste caso só se atopou un pé preto de Pedra do Sal.