As Mártires de Sofán saen do esquecemento colectivo para recibir unha homenaxe que se demorou cen anos
Familiares das catro mulleres asasinadas e unha ampla representación da sociedade carballesa participaron no acto de lembranza e recoñecemento
Sábado 16 de febreiro do 2019 Carballo ao día
Josefa Bolón Mato, María Caamaño Pallas, Carmen Veira Souto e María Serrano Paz recibiron este sábado unha homenaxe que se demorou cen anos. O 16 de febreiro de 1919, as catro mulleres, veciñas de Sofán, convertéronse en vítimas inocentes durante un enfrontamento entre a parroquia e as forzas de seguridade e en protagonistas dun dos episodios máis tráxicos da nosa historia, silenciado durante moitos anos.
Ese silencio rematou o 16 de febreiro do 2019 coa homenaxe organizada de maneira conxunta pola Agrupación Cultural Lumieira, o Consello Parroquial de Sofán e o Concello de Carballo. Coincidindo co centenario da masacre, as Mártires de Sofán foron lembradas nun acto ao que asistiron familiares das vítimas, veciñanza e representantes sociais e políticos.
O Himno do Antigo Reino de Galicia soou no exterior do Centro Social de Sofán, escenario da homenaxe nunha mañá de sábado inusualmente soleada e calorosa para esta época do ano. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, exerceu coma mestre de cerimonias e presentou a Xan Fraga Rodríguez, cronista carballés, que explicou brevemente o momento histórico no que se produciron os feitos e leu o poema dedicado por Manuel María aos levantamentos populares de Oseira, Nebra e Sofán, todos eles de principios do século XX, no seu libro “As rúas do vento ceibe” (1979).
Dolores Serrano: "A partir de agora os meus fillos e a xente que pase por esta rúa preguntarase o motivo polo que este monólito está aquí, e será entón cando comezaremos a contar a historia que hoxe coñecemos"
En representación das familias das catro mulleres interviron José Fraga Serrano, máis coñecido coma Bastián, e Dolores Serrano Bolón. Bastián é un dos 19 netos vivos de María Caamaño Pallas, que foi a primeira en caer pola baioneta e os disparos de fusil. Tiña sete fillos e estaba embarazada de sete meses. Era a bisavoa de Dolores Serrano, que na súa intervención encadrou as mortes “no contexto caciquil daquel momento” e chamou a atención na escasa visibilidade que tiveron aqueles sucesos ao longo destes cen anos. “A partir de agora –dixo- os meus fillos e a xente que pase por esta rúa preguntarase o motivo polo que este monólito está aquí, e será entón cando comezaremos a contar a historia que hoxe coñecemos”. Dolores Serrano expresou o seu agradecemento á Agrupación Cultural Lumieira e ao Concello de Carballo “por contribuír a visibilizar un episodio tráxico da historia da nosa parroquia”.
O alcalde destacou a importancia de recuperar un feito histórico tan importante para a memoria colectiva, “porque iso ten que servirnos para non repetir erros, para que a sociedade non busque enfrontamento, senón crear comunidade, crear pobo, crear parroquia”.
Despois das palabras de Evencio Ferrero volveu a sonar a música e procedeuse ao descubrimento do monólito dedicado ás Mártires de Sofán, cunha placa de barro realizada polas mans artesás da oleira de Buño Carmen Isabel Labrador, para a que tamén houbo palabras de agradecemento. Coa interpretación popular do Himno Galego rematou o acto, que, como ben di Xan Fraga, “fai xustiza e restaura a memoria reparadora e cumpre a vontade de Castelao para coas Mártires de Sofán”.