Carballo renderá homenaxe ás Mártires de Sofán no centenario da revolta na que morreron catro veciñas da parroquia
O sábado 16 será inaugurado un monumento na súa memoria, nun acto organizado conxuntamente polo Concello, o Consello Parroquial e a asociación Lumieira
Mércores 13 de febreiro do 2019 Carballo ao día
Este sábado 16 de febreiro cúmprense 100 anos dos enfrontamentos entre a veciñanza de Sofán e a Garda Civil que se saldaron coas mortes de catro veciñas da parroquia: María Caamaño Pallas, Carmen Veira Souto, María Serrano Paz e Josefa Bolón Mato, as Mártires de Sofán. Coincidindo en esa efeméride, tal como propuxera o ano pasado o Consello Parroquial de Sofán, Carballo renderá homenaxe ás vítimas nun acto organizado conxuntamente polo propio Consello Parroquial, a Agrupación Cultural Lumieira e o Concello.
O acto popular de homenaxe e recoñecemento celebrarase ás 13 horas xunto ao Centro Social de Sofán, onde será inaugurado o monumento que non puideron erguer no seu momento os alcaldes carballeses da II República Francisco Bolón e José Monteagudo.
O historiador e cronista carballés Xan Fraga Rodríguez fará unha introdución explicativa do momento histórico no que se produciron os acontecementos que desembocaron na morte das catro veciñas de Sofán. A continuación intervirán familiares das homenaxeadas e, por último, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.