Expedidas o ano pasado 55 tarxetas de estacionamento en prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida
Nestes momentos contamos con 115 prazas en vías e aparcamentos públicos
Martes 12 de febreiro do 2019 Carballo ao día
En Carballo hai 115 prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida
O Concello de Carballo expediu o ano pasado un total de 55 tarxetas de estacionamento en prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida: 32 correspondentes a novas solicitudes e 23 por renovación ou duplicado. Nos últimos tres anos foron tramitadas 98 altas novas.
Aínda que a expedición das tarxetas se realiza no departamento de Servizos Sociais, o primeiro paso para a tramitación é a solicitude á Xunta de Galicia da valoración do grao de discapacidade e do recoñecemento da dificultade de mobilidade para o uso de transporte colectivo. Con esta documentación xa se pode solicitar a tarxeta no Concello.
Debido a que a valoración soe demorarse, tamén pode solicitarse, segundo explicou a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, unha tarxeta de estacionamento provisional, que se concederá excepcionalmente en casos graves, tal como recolle o real decreto que regula as condicións de uso e emisión e que pode consultarse aquí.
En Carballo contamos con 115 prazas de estacionamento reservadas para persoas con mobilidade reducida, a maior parte no casco urbano, pero tamén nas praias. As persoas que necesiten unha praza nunha zona concreta por cuestións de residencia ou traballo poden realizar unha solicitude no Concello.