O alumnado da Escola Municipal de Hostalaría participou no 1º Concurso de Cociña con Pataca de Galicia
Un representante da Indicación Xeográfica Protexida, un cociñeiro do colectivo Remollo e o director da escola integraron o xurado
Mércores 9 de xaneiro do 2019 Carballo ao día
O cociñeiro José Antonio Mallón asesorou ao alumnado
O alumnado da Escola Municipal de Hostalaría celebrou hoxe no seu propio masterchef, un concurso de cociña organizado pola Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia para promocionar a nosa pataca e para fomentar a participación do alumnado en actividades relacionadas cos produtos autóctonos, neste caso con máis motivo, xa que o noso concello é un dos incluídos na IXP.
Ensaladilla proposta por Mallón
A xornada comezou cunha charla a cargo de José Antonio Chao Fernández, representante da IXP Pataca de Galicia, e un showcooking a cargo de José Antonio Mallón, cociñeiro do colectivo Remollo, que elaborou a receita que ía servir de inspiración para o concurso posterior. Porque o obxectivo dos/as alumnos/as era preparar unha ensalada rusa utilizando como ingrediente principal a Pataca de Galicia e intentando darlle o seu toque persoal.
A participación estivo limitada a 12 alumnos/as, como establecen as bases do certame, no que compiten oito centros de toda Galicia. A orixinal ensalada que preparou José Antonio Mallón (na imaxe), foi o modelo da maioría do alumnado, aínda que varios optaron por outras elaboracións, tanto clásicas coma menos convencionais.
Os membros do xurado
O xurado, integrado por José Antonio Chao, José Antonio Mallón e o director da Escola Municipal de Hostalaría, Fernando Agrasar, despois de valorar o proceso de elaboración, a presentación e o sabor, outorgou dous premios: o primeiro, a Miriam Carballido, que levou un lote de produtos integrado por un saquiño de patacas, un pelador, un sifón e un mandilón, e o segundo, a Pablo González, que conseguiu un saco de patacas.