ZOCAS GAÑA O 1º PREMIO
O Concurso de Escaparatismo de Nadal volve a poñer de manifesto o altísimo nivel do comercio carballés
Miriñaque, Atelier e Bambalina completan a relación de establecementos galardoados cun total de 2.000 euros
Xoves 20 de decembro do 2018 Carballo ao día
Zocas, 1º premio do Concurso de Escaparatismo de Nadal
O Concurso de Escaparatismo de Nadal convocado pola Concellaría de Promoción Económica volve a poñer de manifesto o altísimo nivel do comercio carballés. O xurado, que se reuniu hoxe, non o tivo nada doado, porque entre as numerosas propostas presentadas hai verdadeiras obras de arte. De feito, hai que ser moi artista para representar tan ben o espírito de Nadal como fixo o establecemento gañador, Zocas; para converter á muller en auténtica protagonista destas datas con ducias de bonecas feitas a man, coma no caso de Miriñaque (2º premio); para reflectir tan ben a ilusión como fai o carrusel de Atelier (3º premio) ou para transformar unha pelota de pilates nun globo que fai voar a imaxinación, coma no escaparate de Bambalina (4º premio). A todos, os nosos parabéns. Sen dúbida, merecidísimos!
Este ano o xurado do Concurso de Escaparatismo de Nadadl estivo integrado por dous representantes do Concello de Carballo e dúas persoas expertas en decoración de escaparatismo. Despois de visitar todos os escaparates por separado, hoxe reuníronse para poñer en común as súas puntuacións e emitir o fallo, que foi o que segue:
- Primeiro premio: 800 euros. Zocas (rúa Hórreo)
- Segundo premio: 600 euros. Miriñaque (rúa Valle-Inclán)
- Terceiro premio: 400 euros. Atelier (rúa Vitoria)
- Cuarto premio: 200 euros. Bambalina (rúa Valle-Inclán)
O xurado tivo en conta a calidade artística, a composición, a iluminación, a eficacia comercial do escaparate, a utilización de elementos tradicionais do Nadal, a orixinalidade, o uso do galego e o esforzo e dedicación do promotor no resultado. O obxectivo do concurso é a promoción e o apoio ao comercio local, premiando o esforzo e a súa implicación na mellora da imaxe dos establecementos do municipio, facendo que todo Carballo estea vestido co espírito do Nadal.
Aquí tedes algunhas imaxes, pero aconsellámosvos que, ademais de visitar o comercio local de día, deades un paseo nocturno, porque todos os escaparates gañan moitísimo coa iluminación.