A concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana presentou en Lalín o plan especial de Razo coma exemplo de urbanismo sostible
Milagros Lantes participou nas II Xornadas de Urbanismo Sostible en Galicia xunto cunha das redactoras do proxecto de protección, infraestruturas e dotacións en Arnados
Venres 23 de novembro do 2018 Carballo ao día
Milagros Lantes estivo acompañada por Iria Pérez Miranda
Medio centenar de persoas, entre políticos de diferentes municipios e institucións, expertos da Universidade e técnicos da materia, participaron hoxe nas II Xornadas de Urbanismo Sostible en Galicia, organizadas polo Concello de Lalín a través da Concellería de Urbanismo. Entre os poñentes estiveron a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana de Carballo, Milagros Lantes, e a arquitecta Iria Pérez Miranda, que forma parte do equipo redactor do Plan Especial de Protección, Infraestruturas e Dotacións en Arnados-Razo, xa que a participación carballesa estaba enfocada, precisamente, a abordar o urbanismo sostible no litoral.
Do mesmo xeito que na primeira edición, Lalín puxo o foco en Galicia. Durante a xornada revisouse a situación actual do urbanismo na nosa comunidade, falouse de propostas que están implementando os concellos para mellorar o desenvolvemento urbano dos seus municipios e afondouse sobre os novos enfoques e ferramentas que están utilizando os profesionais do urbanismo e da xestión urbana.
Lalín é outro concello que, coma Carballo, está traballando nun modelo urbano máis sostible e pensado para as persoas, seguindo o noso exemplo en cuestións como a humanización das rúas urbanas ou o acondicionamento de espazos de aparcamento na zona máis céntrica da vila.