Mulleres de Carballo xa están “Camiñando pola igualdade” nos obradoiros de participación social organizados polo Concello
O grupo de homes comezará as xuntanzas o 1 de decembro e para o obradoiro de hip-hop para a mocidade comunicarase nova data
Xoves 22 de novembro do 2018 Carballo ao día
Os obradoiros "Camiñando pola igualdade" comezaron hoxe na Biblioteca Rego da Balsa
Con algúns cambios sobre o programa previsto, ás 19 horas arrancaron as actividades incluídas no programa organizado pola Concellaría de Igualdade e Benestar arredor do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres e as Nenas. O obradoiro de mulleres “Camiñando pola igualdade” xa está en marcha, e aínda que se trata dun grupo reducido, a participación nesta primeira sesión resultou moi activa e proveitosa, ata o punto de que case dúas horas despois continuaba o debate.
Agora só falta que arranque tamén o obradoiro para homes, co obxectivo de que nun determinado momento os dous cheguen a unirse para traballar en conxunto pola igualdade. A sesión prevista para este sábado trasládase ao seguinte, 1 de decembro, polo que os interesados en participar aínda están a tempo de anotarse. Poden facelo por teléfono, no 981 700 688; a través do correo electrónico carballoennegro@gmail.com ou aquí.
Tamén mantemos aberto o prazo para o taller de hip-hop dirixido á mocidade, do que se comunicará tan pronto como sexa posible a nova data de celebración, e para o obradoiro de xoguete non sexista que celebraremos o 14 de decembro na Biblioteca Rego da Balsa.
Ademais de convidarvos a participar en todas estas actividades, dende a Concellaría de Igualdade e Benestar facemos un chamamento a toda a veciñanza a participar na concentración que celebraremos este domingo 25 ás 12.30 horas na Praza do Concello, un acto co que queremos que todo Carballo se manifeste contra as violencias.