XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Adxudicadas por 207.139,90€ as obras de conservación do Museo de Bergantiños, un dos edificios máis emblemáticos de Carballo
O goberno municipal puxo en marcha os procedementos de contratación dos proxectos de “Reurbanización da rúa Concepción Arenal” e “Redes de saneamento e abastecemento de auga en Figueroa e Outeiro”
Martes 20 de novembro do 2018 Carballo ao día
Interior do Museo de Bergantiños
A piques de cumprir 160 anos, o Museo de Bergantiños será obxecto dun proxecto de conservación e rehabilitación para protexer e poñer en valor un dos edificios emblemáticos do noso concello e un dos nosos principais recursos turísticos. A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión deste luns a adxudicación das obras á empresa Desarrolla Obras y Servicios, S.L. por un importe de 207.139,90 euros.
O prazo de execución da obra será de tres meses a partir da sinatura da acta de comprobación de replanteo, e consistirá na reparación da fachada para evitar as filtracións de auga, a mellora da instalación eléctrica e a iluminación, a reforma dos aseos, o acondicionamento da cuberta, a instalación dun sistema de ventilación e climatización eficiente, a colocación de portas de vidro corredeiras no acceso ás plantas baixa e alta, o deseño e construción do mostrador de recepción e atención ao público, a incorporación dun falso teito de vidro no patio interior e a pintura, entre outras actuacións menores. Tamén se realizarán melloras no edificio anexo da Biblioteca Municipal, entre elas a substitución de carpinterías. E, para completar o proxecto, está prevista a instalación de bancos e dunha bandeirola de sinalización no exterior.
O edificio do Museo de Bergantiños, que funciona tamén coma oficina de información turística e sede dos departamentos municipais de Turismo e Promoción Económica, foi construído no ano 1855 para albergar o cárcere e o xulgado de primeira instancia de Carballo. Nos anos 90 do século pasado foi sometido a unha profunda reforma que culminou coa apertura do complexo actual no 2002. O inmoble primitivo figura entre os elementos con protección no PXOM.
Novos vehículos
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou na reunión deste luns a adxudicación do contrato de subministro dun tractor con desbrozadora de brazo á empresa Fariña Maquinaria S.L. por importe de 81.070 euros. A adquisición deste novo vehículo, que deberá realizarse nun prazo de mes e medio a partir da sinatura do contrato, permitirá axilizar e mellorar os traballos de roza da rede viaria municipal.
O parque móbil municipal tamén se incrementará cun vehículo todoterreo híbrido para a Policía Local. Precisamente o goberno municipal aprobou a apertura do procedemento de licitación por un importe máximo de 41.599,80 euros.
Expedientes de contratación
Rúa Concepción Arenal
Entre os expedientes de contratación que decidiu poñer en marcha a Xunta de Goberno Local figura, así mesmo o de adquisición de terreos nas inmediacións da capela e o cemiterio de San Xosé de Alborín, na parroquia de Rus, con destino a aparcamento e outros usos comunitarios. Coma noutros casos, a compra do terreo realizarase a medias coa veciñanza. Agora o Concello de Carballo abrirá un prazo para que os/as propietarios/as interesados presenten as súas ofertas, ata un máximo de 4,40 euros/metro cadrado.
E ademais arrancan dous novos procedementos de contratación de obras por un importe próximo ao medio millón de euros, en concreto 192.172,79 para a reurbanización da rúa Concepción Arenal e 288.312,98 para as redes de saneamento e abastecemento de auga de Figueroa e Outeiro, na parroquia de Sísamo.
A Xunta de Goberno Local aprobou, entre outras cuestións, vaos, licenzas urbanísticas e facturas de gasto por un importe total de 33.940,73 euros. Tamén deu luz verde a un convenio con Ecoembes para facilitar a recollida selectiva e o reciclado de envases lixeiros, papel e cartón en hoteis e establecementos hostaleiros, e a outro co Club Deportivo Os Muditos para financiar os eventos 5 Km Correndo pola praia de Razo e VI Pedestre do Anllóns cun total de 3.000 euros.
Outros acordos
En relación coa promoción do deporte tamén foron aprobadas as subvencións para o fomento do deporte escolar durante o curso actual por un total de 28.884 euros. Ademais, o goberno municipal decidiu solicitar unha subvención por importe de 160.000 euros á Deputación da Coruña para acometer o proxecto de mellora da seguridade viaria nos pasos de peóns do casco urbano.