A concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana participa nunha xornada sobre urbanismo sostible que se celebra en Lalín
Milagros Lantes centrará a súa intervención no plan especial de Razo
Martes 13 de novembro do 2018 Carballo ao día
Milagros Lantes estará acompañada por unha das redactoras do plan especial
A concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, será unha das poñentes na II Xornada Técnica Urbanismo Sostible en Galicia, que se celebrará o venres 23 en Lalín. A súa intervención, na que estará acompañada pola arquitecta Iria Pérez Miranda, centrarase no Plan Especial de Protección, Infraestruturas e Dotacións en Arnados-Razo.
O obxectivo da xornada, organizada polo Concello de Lalín, é revisar a situación actual do urbanismo en Galicia, dar a coñecer as diferentes propostas que están a desenvolver os concellos para mellorar o desenvolvemento do territorio e abordar os novos enfoques e ferramentas que están incorporando ao seu traballo os/as profesionais do urbanismo e da xestión urbana.
Na relación de poñentes tamén figuran Valerià Paül, profesor de Xeografía e Ordenación do Territorio da USC; Eduardo Sobrino, subdirector xeral de Urbanismo da Xunta; Javier Bugallo Thielen, asesor urbanístico do Concello de Lalín; Nicolás González Casares, tenente de alcalde do Concello de Lalín; Paola María Mochales, concelleira de Urbanismo de Vilagarcía de Arousa; Isabel Villamor Cabado, coordinadora de proxectos europeos do Concello de Lugo; Jorge García, xefe de urbanismo do Concello de Lalín; Eduardo Díaz Marcelo, director de proxectos en IDOM; Ramón Martínez Gómez, profesor da UDC e CEO da empresa Proyestegal S.L.; Miguel Fernández Ochoa, arquitecto e socio funddor de EAI Arquitectura S.L.P., e Martín Toimil, arquitecto paisaxista e enxeñeiro agrónomo.
A xornada comezará ás 09.00 horas e o programa completo pode consultarse aquí.