XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Aprobadas as licenzas de construción de dúas novas naves no polígono industrial de Bértoa
O nivel de ocupación no parque empresarial sitúase xa no 79%
Martes 25 de setembro do 2018 Carballo ao día
Polígono industrial de Bértoa
O nivel de ocupación no parque empresarial de Bértoa sitúase xa por riba do 79% tras as últimas adxudicacións de parcelas realizadas por Xestur. A actividade industrial continúa en aumento, como demostran as dúas bonificacións de impostos aprobadas onte polo pleno e tamén outras tantas licenzas de construción de naves que recibiron o visto bo da Xunta de Goberno Local.
O investimento previsto nestes novos proxectos acada os 350.000 euros, dos cales 180.000 corresponden á construción dunha nave destinada a garaxe e oficina dunha empresa de transportes e os outros 170.000, a un edificio sen actividade específica.
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o expediente de contratación do servizo que impartirá o programa de exercicio físico para maiores de 60 anos por un período de dous anos con posibilidade de prórrogas anuais por outros tres. O investimento anual será de 33.700,74 euros por un total de 1.495 sesións.
Escola de Mirón
En materia de contratación saíu adiante, así mesmo, a proposta de ampliación do contrato de limpeza de colexios para incluír a escola de Mirón-Bértoa, cun custe anual de 2.139 € + IVE.
Ademais foron aprobadas facturas por importe de 71.649,30 euros, e fóra da orde do día déuselle luz verde ao programa Dálle un bocado ao FIOT, que se desenvolverá coincidindo co Festival Internacional Outono de Teatro.