SÓ ESTARÁ HABILITADO UN CARRIL DE ACCESO AO APARCAMENTO DO SUPERMERCADO GADIS
As obras da rúa Sol esténdense á zona da rotonda e obrigarán a cortar o tráfico a partir do luns na rúa Santa Ana
O luns tamén se levarán a cabo traballos de asfaltado nas rúas Álvaro Cunqueiro e Brasil, nas que non se poderá circular nin aparcar durante a xornada
Venres 31 de agosto do 2018 Carballo ao día
Rúa Santa Ana
O avance das obras da rúa do Sol significa que xa queda menos para o seu remate, pero tamén que chegou o momento de actuar noutras zonas afectadas, directa ou indirectamente, polo proxecto. Agora que a instalación dos servizos urbanísticos está practicamente lista é preciso realizar unha serie de conexións na contorna da rotonda.
A primeira rúa afectada será Santa Ana, que quedará cortada ao tráfico a partir do luns e durante un período aproximado dunha semana. Unicamente estará habilitado un carril de entrada e saída ao aparcamento do supermercado Gadis, e tamén se permitirá o tránsito peonil. Con posterioridade será preciso restrinxir tamén o tráfico tamén durante uns días no primeiro treito da rúa Oriente e, de seguido, na Vila de Negreira.
Reparación da rede viaria
Rúa Brasil
O luns tamén se retomarán as obras de asfaltados dentro do proxecto de reparacións da rede viaria urbana. Os traballos desenvolveranse nesta ocasión nas rúas Álvaro Cunqueiro e Brasil, polo que non se poderá circular nin estacionar durante a xornada.
Desde o Concello de Carballo agradecemos a colaboración de veciñanza e condutores/as para que os traballos se leven a cabo o máis rápido posible e pedimos desculpas de antemán polas molestias que poidamos ocasionar. As persoas que precisen algún tipo de información adicional poden chamar aos números de teléfono 092 e 981 701 22.