Comezou a instalación de 20 novos aparcabicis en edificios, parques e instalacións municipais
A Concellaría de Planificación e Mobilidade Urbana pretende seguir estendéndoos para facilitar o uso da bicicleta, sobre todo nos desprazamentos urbanos
Xoves 16 de agosto do 2018 Carballo ao día
Aparcabicis colocados hoxe no complexo deportivo Vila de Noia
A Concellaría de Planificación e Mobilidade Urbana comezou a instalación de 20 novos aparcabicis en distintos edificios e espazos públicos. O obxectivo do departamento que dirixe Milagros Lantes é que, ademais dos existentes en diferentes rúas, coma a Valle-Inclán ou a avenida das Flores, os aparcabicis estean a disposición da veciñanza en todos os edificios municipais do casco urbano e contribúan a facilitar o uso da bicicleta, sobre todo, nos desprazamentos pola vila.
Edificios coma a Biblioteca Rego da Balsa, a Casa do Concello ou o Fórum Carballo contaban xa con este servizo, que agora estendemos ao Pazo da Cultura e o antigo ambulatorio (sede dos servizos sociais), aos parques do Chorís, San Cristovo e Rego da Balsa, e aos complexos deportivos Carballo Calero e Vila de Noia (na imaxe), así coma aos tres campos de fútbol municipais: As Eiroas (Bértoa), O Carral (Sofán) e As Pedreiras (Berdillo). A Concellaría de Planificación e Mobilidade Urbana segue apostando polo modelo deseñado no taller de soldadura do Fórum, exclusivo de Carballo, personalizado e que conta co aval de persoas afeccionadas ao ciclismo.
A colocación dos aparcabicis continuará nos vindeiros días, co obxectivo de que de cara á Semana Europea da Mobilidade, á que volveremos a sumarnos con actividades que se celebrarán do 16 ao 22 e setembro, todos os edificios e os principais espazos públicos do casco urbano conten xa con aparcamentos específicos para bicicletas, principal medio de transporte ao que dedicaremos en Carballo esta terceira Semana da Mobilidade.
Desde o Concello de Carballo apostamos polo uso da bicicleta tanto poñendo a disposición das persoas usuarias aparcamentos específicos -que continuaremos estendendo a outros puntos- coma fomentando, a través da ordenanza de tráfico que temos en fase de elaboración, o seu uso nas nosas rúas ao mesmo nivel que calquera outro vehículo.