O Concello de Carballo equipa aos servizos municipais para facer fronte a posibles picaduras de avespa asiática
O servizo municipal de control de pragas insiste na conveniencia de que as persoas que traballan nos sectores forestal e/ou agrario adopten medidas de precaución
Xoves 9 de agosto do 2018 Carballo ao día
O Concello de Carballo está a equipar a diferentes servizos municipais con kits de emerxencia para actuar no caso de picaduras de avespa asiática. Os tractores municipais que realizan os labores de roza, o vehículo empregado polos xardineiros municipais, o da brigada de medio ambiente e os da Policía Local e Protección Civil contarán entre o seu equipamento, a partir de agora, cunha dose de adrenalina inxectable en xiringa precargada e un aerosol contra velutinas. O obxectivo é aumentar a protección dos/as traballadores/as, así coma facilitar o traballo dos servizos de seguridade no caso de que se atopen no seu labor diario cunha emerxencia relacionada con picaduras de avespas.
O kit de adrenalina utilizarase no caso de que algunha persoa sufra un shock anafiláctico coma consecuencia da picadura dunha avespa. Deste xeito disporase dun tempo de marxe ata que a persoa afectada reciba asistencia sanitaria. Desde o servizo municipal de control de pragas insístese unha vez máis na conveniencia de extremar as medidas de precaución, sobre todo por parte das persoas que traballan nos sectores forestal e/ou agrario, xa que este ano estanse dando moitos casos de picaduras. Unha das causas é que as avespas cambiaron os seus hábitos e fixeron niños en lugares insospeitados, coma unha pedra ou un pé de millo, polo que é máis posible invadir o seu territorio e que respondan cun ataque.
Por iso hai varios consellos que é convinte seguir:
- Antes de empezar a traballar, realizar un recoñecemento da parcela para comprobar que non existen niños. É frecuente que aparezan entre as silveiras.
- Se atopas un niño de velutina non te achegues nin lle toques, porque se sentirán atacadas. Chama ao 012 ou ao 112 para que acudamos a retiralo.
- No caso dun ataque fuxe o máis rápido posible e intenta refuxiarte nalgún lugar pechado coma o coche, protexe a cara e a parte de atrás do pescozo (teñen tendencia a picar nesa parte do corpo) e non fagas movementos bruscos. Se a atacada é outra persoa non te achegues, chama rapidamente ao 112. E se es alérxico procura levar sempre contigo a medicación precisa.