Evencio Ferrero asinou tres novos contratos de obras por un importe total próximo aos 800.000 euros
Os proxectos que se levarán a cabo son a pavimentación do núcleo do Rodo, a urbanización de dúas rúas en Pedra Furada e a instalación dun sistema de desbaste automático na EDAR da Cepeira
Venres 3 de agosto do 2018 Carballo ao día
Sinatura de contratos coa empresa Lancer
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou hoxe os contratos correspondentes ás obras de pavimentación do núcleo do Rodo (Oza), urbanización de dúas rúas en Pedra Furada e instalación dun sistema de desbaste automático na EDAR da Cepeira. O investimento total será de 796.133,53 euros.
A actuación máis cuantiosa é que a se levará a cabo na depuradora de augas residuais co obxectivo de evitar os atascos e avarías nos equipos de bombeo que se producen na actualidade debido a que carece de sistema de desbaste de grosos que evite a entrada, por exemplo, de toalliñas húmidas. Coa actuación prevista solucionarase esa carencia, facilitando o mantemento da EDAR, e ademais instalarase un sistema adicional de alarma no caso de desbordamento. O proxecto, adxudicado á empresa Lancer Proyectos y Obras por 464.056,30 euros, inclúe tamén melloras nas redes de abastecemento e saneamento da rúa Verdillo e das Labradas.
A mesma empresa acometerá as obras de reurbanización de dúas rúas na zona de Pedra Furada, financiadas con cargo ao plan POS+ Adicional 2017 con 145.737,23 euros. As obras, que teñen un prazo de execución de cinco semanas, permitirán acondicionar as rúas situadas entre Alcalde Peinador e Alcalde Bolón, por unha banda, e entre Alcalde Bolón e Alcalde Monteagudo, por outra. Son vías nas que practicamente non existe ningún servizo e mesmo están sen pavimentar.
Vázquez y Reino fará a pavimentación do Rodo
O terceiro contrato que asinou hoxe o alcalde, por importe de 186.340 euros, foi o de pavimentación do núcleo do Rodo, que executará a empresa Construcciones Ramón Vázquez y Reino. O Rodo, na parroquia de Oza, é un núcleo tradicional que conserva en boa medida a súa tiploxía orixinal, e no que se realizará unha actuación semellante á que se levou a cabo en Cances Grande, e que suporá a pavimentación con cemento dun total de 8.885 metros cadrados de vías. Ademais, dado que no Rodo xa hai saneamento e haberá auga pública cando se execute o proxecto de abastecemento a Oza e Razo, xa se deixará lista a canalización.