Xa son 78 os niños de avespa velutina retirados este ano polo servizo municipal de control de pragas
A maior parte apareceron durante o mes de xullo, e sobre todo na zona costeira e no casco urbano
Mércores 1 de agosto do 2018 Carballo ao día
O servizo municipal de control de pragas leva retirados no que vai de ano un total de 78 niños de avespa asiática. Aínda que a cifra está moi lonxe dos 172 que levabamos o ano pasado a estas alturas, a actividade das velutinas incrementouse considerablemente en xullo, coincidindo co aumento das temperaturas. Segundo o balance mensual do servizo, o mes pasado foron retirados 60 niños, case o 77% do total acumulado no 2018.
A maior parte foron localizados na zona costeira (24) e no casco urbano (10), mentres que no resto das parroquias a incidencia foi moito menor: 1 en Aldemunde, 3 en Ardaña, 3 en Artes, 3 en Bértoa, 1 en Cances, 3 en Entrecruces, 4 en Goiáns, 2 en Rus, 2 en Sisamo e 4 en Sofán. Valados, alpendres, soportais, balcóns, árbores e ata unha grúa figuran entre os lugares nos que aniñaron as raíñas.
O servizo municipal de control de pragas, coa colaboración dos propietarios da vivenda, continúa a realizar un seguimento do primeiro niño secundario do que se tivo aviso este ano, e que está situado na parroquia de Bértoa. Hoxe mesmo persoal de Medio Ambiente do Concello de Carballo desprazouse ata a vivenda para ver a evolución, que, segundo se puido comprobar, vai más lenta do habitual. O seguimento continuará nos vindeiros días antes de proceder a retirada do niño.
Unha vez máis facemos un chamamento á precaución para evitar picaduras por parte persoas que traballan no campo ou no monte para que inspeccionen o lugar antes de poñerse mans á obra por se existe algún niño e tamén a observar se hai avespas voando pola zona, porque iso indicará que o niño está preto. E lembramos que as persoas que localicen algún poden dar aviso ao 112 ou ao 012.