Comezaron os traballos anuais de posta a punto dos parques infantís e biosaudables de todo o termo municipal
O Concello inviste 13.000 euros na reparación dos defectos detectados durante o labor previo de inspección e certificación das áreas de xogos
Martes 31 de xullo do 2018 Carballo ao día
Luis Lamas, cun operario no Parque do Rego da Balsa
Para o goberno municipal de Carballo é prioritaria a seguridade dos nosos pequenos e pequenas, e por iso desde hai un tempo encarga cada ano a unha empresa certificada en inspección e calidade de áreas de xogo un informe sobre os máis de 40 parques infantís e biosaudables existentes no termo municipal. A raíz dese traballo, inclúe unha ficha de cada xogo coa súa denominación, fabricante e ano, a súa situación e as medidas propostas, que van dende a instalación dun simple cartel informativo ou a substitución dun parafuso ata o reemprazamento ou a retirada de xogos, hoxe comezaron os traballos anuais de posta a punto dos parques.
O investimento acada os 13.058,32 euros, moi lonxe dos 95.095 que tiveron que foi preciso gastar no ano 2015. Isto demostra, como apuntou o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, tras realizar un percorrido polos parques, que, grazas ás revisións anuais, os danos a reparar redúcense ao deterioro propio do elevado nivel de uso que teñen os nosos parques infantís. De feito, segundo os informes técnicos, o estado dos parques en xeral é bo ou moi bo.
Os labores iniciados hoxe teñen un prazo de execución de tres meses. Os operarios están acometendo estes días pequenos arranxos de reposición de elementos, pintura e carpintería, e deixarán para o final todas as actuacións que impliquen substitución ou reparación dos pavimentos.