XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Aprobada a licenza de construción dunha nave en Bértoa para unha empresa pioneira na produción de aceite de microalgas
Luns 2 de xullo do 2018 Carballo ao día
[Foto: Food News Latam.com]
A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe unha nova licenza para a construción dunha nave no polígono industrial de Bértoa. O proxecto contribúe á diversificación e á implantación de empresas innovadoras no noso municipio, xa que a empresa dedicarase á produción de aceite de microalgas.
Trátase dunha actividade pioneira, xa que o obxectivo é “a obtención de concentrado vexetal mariño con alto contido en DHA (omega 3) baseándose no emprego dunha tecnoloxía innovadora e cun impacto medioambientalmente máis sostible que as alternativas actuais baseadas en fontes de orixe animal”. Deste xeito describen o proxecto no GALP (Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro) da Costa da Morte, que aprobou unha subvención do 47% do investimento para a empresa promotora, Carbiotech SLU.
Podedes consultar aquí outros datos sobre o proxecto.
Polo demais, na Xunta de Goberno Local recibiron luz verde outras dúas licenzas urbanísticas para a instalación dun ascensor e para a rehabilitación da cuberta e a fachada dunha vivenda. Tamén foron aprobadas facturas por un importe total de 95.714,62 euros.