Un total de 556 persoas maiores de 60 anos participaron este curso no programa de exercicio físico para maiores
A festa de fin de curso celebrarase mañá sábado a partir das 17 horas cunha exhibición no pavillón Carballo Calero
Venres 8 de xuño do 2018 Carballo ao día
Foto de arquivo da festa de clausura do programa
O programa de exercicio físico para maiores, promovido polo Concello de Carballo a través das concellarías de Deporte e Terceira Idade, toca á súa fin. Despois de oito meses de actividade, unha exhibición conxunta no complexo deportivo Carballo Calero servirá como peche do curso. O acto de clausura celebrarase mañá sábado a partir das 17 horas coa presenza do alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Terceira Idade, Carmen Regueira, e o de Deporte, Marcos Trigo.
Un total de 556 veciños e veciñas maiores de 60 anos participan no programa, co que se pretende fomentar estilos de vida activos e saudables, mellorar a calidade de vida da poboación maior a través da actividade física e da inserción social, ademais de influír positivamente no proceso de envellecemento axudando ás persoas participantes a manter un nivel suficiente de capacidade funcional, a reducir o risco de padecer doenzas cardiovasculares e osteoarticulares e a mellorar a súa seguridade.
Todas estas características provocan que o programa de exercicio físico teña moitísima demanda, e que de cara ao vindeiro curso se estuden as solicitudes de creación e/ou ampliación de grupos en varias parroquias. De feito, dos/as 556 participantes, 306 asisten ás dúas sesións semanais de actividade no polideportivo Vila de Noia e os outros 251 repártense en 12 grupos en diferentes parroquias.