AS NOTAS ENTREGÁRONSE HOXE
O 94,29% do alumnado que asistiu ás clases organizadas pola BDT aprobou as competencias clave
O Concello de Carballo formou nos últimos seis anos a un total de 351 persoas para optar aos certificados que acreditan a súa experiencia profesional
Xoves 7 de xuño do 2018 Carballo ao día
As docentes entregaron hoxe as notas aos alumnos e alumnas
O alumnado dos cursos de competencias clave organizados pola Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo acadou uns resultados excelentes nas probas de avaliación celebradas pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Xunta o pasado 12 de maio en Silleda. As notas acaban de chegar, e a porcentaxe de aprobados é do 94,29%. Das 35 persoas que se presentaron só houbo dúas que non conseguiron superar ningunha das materias (matemáticas, lingua castelá e linga galega). Dende a BDT queremos felicitar aos alumnos e alumnas polo esforzo realizado e por estes bos resultados, parabéns que xa lles transmitimos esta mañá no auditorio do Fórum durante a entrega das notas.
As competencias clave son imprescindibles para que as persoas que carecen de titulación poidan optar aos certificados que acreditan a súa experiencia laboral. Neste caso todos os aprobados poderán acceder ao certificado de nivel 2.
O Concello de Carballo vén organizando cursos preparatorios nas últimas cinco convocatorias. Ao longo deste tempo formamos dende a BDT un total de 351 persoas.