ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN
Todo a punto para a IV Classic Car, que se celebrará o 10 de xuño e volverá a ter carácter solidario
As persoas participantes poderán colaborar coa Cruz Vermella achegando alimentos non perecedoiros e artigos de hixiene e alimentación infantil
Venres 25 de maio do 2018 Carballo ao día
A presentación tivo lugar hoxe na Praza do Concello
A Asociación Cultural Vehículos Clásicos Classic Car xa ten a punto a cuarta edición da concentración anual que organiza coa colaboración do Concello de Carballo, e hoxe presentaron, con dúas auténticas xoias da automoción como decorado, as actividades que se desenvolverán o 10 de xuño. Os representantes da entidade organizadora estiveron acompañados polo alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo.
O punto de encontro dos participantes na concentración será a fábrica de Conservas Calvo, que é outro dos colaboradores, onde se servirá un café de benvida. Ás 10.30 arrancará a comitiva polas rúas de Carballo en dirección ao polígono industrial de Bértoa, onde haberá parada e refrixerio nas instalacións de La Base Motorclub. Ás 12.15 comezará a ruta polos concellos de Carballo e A Laracha en dirección ao Pazo de Vilar de Francos, onde se celebrará o xantar.
Despois do xantar os vehículos dirixiranse á Praza do Concello de Carballo, onde permanecerán expostos desde as 17 ata as 21 horas, aproximadamente, para deleite de todo o público que queira achegarse. Para amenizar a xornada está prevista, na mesma praza, a actuación do DJ Frank Fairiane, e ademais haberá sorteo de agasallos entre os participantes.
Este ano a Classic Car volve a ter unha parte solidaria. Así, tanto os participantes como os espectadores que o desexen poderán achegar, voluntariamente, alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene e alimentación infantil para a Cruz Vermella no posto que estará instalado pola tarde na Praza do Concello. Ademais, coa colaboración o Grupo Dimolk, e co gallo de celebrar o 70º aniversario do Peugeot 203, todos os inscritos recibirán unha camiseta conmemorativa.
Para máis información e inscricións están dispoñibles os teléfonos 647607037 e 679174276.