Impresionante arranque da campaña de trampeo da avespa velutina, cun total de 1.950 raíñas “cazadas” en só un mes
A colaboración dos apicultores e a cidadanía co servizo municipal de control de pragas xa evitou que se formen o triplo de niños que no 2017, que xa fora un ano de récord
Mércores 2 de maio do 2018 Carballo ao día
Parte das 1.950 raíñas capturadas no mes de abril
A campaña de trampeo da avespa velutina impulsada polo Concello de Carballo a través do servizo municipal de control de pragas comeza con resultados que impresionan e que tamén alarman, porque o elevado número de raíñas capturadas reflicte que a propagación da praga vai a máis. De feito, os 1.950 exemplares atrapados poderían supoñer outros tantos niños só no noso concello, onde xa o ano pasado batemos un récord con 647. Esta cifra, á súa vez, fora o triplo que no ano anterior, o que ofrece unha imaxe preocupante sobre o avance da avespa asiática en Carballo e en toda Galicia.
O servizo municipal de control de pragas conta este ano coa inestimable axuda tanto dos/as apicultores/as coma dos centos de alumnos e alumnas de todos os colexios de infantil e primaria que participaron na campaña divulgativa desenvolvida durante os meses de xaneiro e febreiro. Nestes momentos hai colocadas centos e centos de trampas por todo o termo municipal, aínda que máis da metade das capturas concéntranse en dúas parroquias: Rus e Carballo.
As cifras son as seguintes:
- Aldemunde 21
- Ardaña 151
- Artes 161
- Berdillo 28
- Bértoa 45
- Cances 40
- Carballo 421
- Entrecruces 10
- Zona Baldaio 125
- Razo-Oza 352
- Rus 594
- Sofán 2
- TOTAL 1.950
Todo o mundo pode colaborar
A campaña de trampeo, que comezou máis tarde do previsto debido ao mal tempo, continuará ao longo do mes de maio co obxectivo de evitar a proliferación de niños. Desde o Concello de Carballo, que o ano pasado investiu 35.000 euros na loita contra a avespa asiática, existe a firme determinación de seguir loitando contra esta praga, un labor no que resulta de gran importancia a colaboración veciñal.
Todo o mundo pode colaborar facendo as súas propias trampas. Só fai falla unha botella de plástico cun burato polo que poida introducirse a avespa e un líquido atraínte, que pode ser calquera líquido doce (zume, auga con azucre...). É importante colocar as trampas preto de plantas coma camelias ou rododendros, e tamén das árbores de froita. De feito, a produción de froita está a sufrir, xunto coa poboación de abellas e de mel, as peores consecuencias da invasión de velutina.