Grupos políticos e cidadanía fan as súas achegas para a elaboración da estratexia de mellora e xestión do espazo público
Os traballos de campo realizados detectan un uso excesivo do coche, xa que o 31,17% das veces que usamos o coche é para percorrer menos de 3 quilómetros
Venres 16 de marzo do 2018 Carballo ao día
Hoxe pola mañá celebrouse unha reunión de traballo cos grupos políticos
A elaboración da estratexia de mellora e xestión do espazo público é tarefa de todas e todos, e por iso a participación veciñal está a ter un protagonismo especial neste proceso. Hoxe recolléronse, por parte do equipo técnico que está a realizar o traballo, as achegas tanto dos grupos políticos municipais como da cidadanía. A esta hora continúa na Biblioteca Rego da Balsa a xornada de traballo aberta, na que entidades e particulares están a expresar o seu parecer sobre os problemas que afectan á mobilidade peonil ou ciclista, ao tráfico pesado, aos apartamentos ou á accesibilidade, e ao mesmo tempo están a propoñer posibles solucións que se incorporarán ao diagnóstico final.
Tanto a xuntanza política que se celebrou pola mañá na Casa do Concello como a veciñal desta tarde comezaron cunha presentación das conclusións extraídas dos traballos de campo que centraron a primeira fase do traballo.
En total realizáronse 351 enquisas telefónicas, das que se desprende un número de 74.349 desprazamentos diarios (2,57 de media por cada residente maior de 15 anos), o 66,19% dos cales realízanse en medios motorizados. Máis do 40% deses movementos son dentro do propio casco urbano, mentres que a comunicación coas parroquias supón case o 30% e co resto da provincia (fundamentalmente A Coruña e, en menor medida, Santiago), un 14%.
Tamén se realizaron aforos peonís en 3 puntos do casco urbano en días laborables, tanto pola mañá como pola tarde, e un xoves de mercado pola mañá, o que permitiu detectar que o día de mercado hai un incremento de tránsito peonil do 72,52% con respecto a calquera outra mañá da semana.
Así mesmo, leváronse a cabo aforos de vehículos en sete puntos que se corresponden coas principais vías de acceso e saída do casco urbano, nos que se contabilizaron máis de 60.000 vehículos nun día laborable entre as 08.00 e as 14.00 e as 17.00 e as 21.00 horas. Un xoves pola mañá circulan por Carballo 2.500 vehículos máis que calquera outro día da semana. Estes aforos complementáronse con enquisas a 1.864 condutores/as nun total de 5 puntos, e con 4 percorridos en vehículo flotante. Tamén se fixo un inventario e prospección de prazas de aparcamento.
CONCLUSIÓNS
Pola tarde presentáronse as conclusións nun acto público na Biblioteca Rego da Balsa
En canto ao transporte non motorizado, o equipo técnico destaca que, malia contar cunha orografía “moi adecuada para os desprazamentos a pé”, estes supoñen o 33% do total e o 78% teñen unha duración de menos de 10 minutos. Chama a atención que un 36,6% das persoas enquisadas declara que non se move máis a pé “por comodidade”, aínda que a valoración da accesibilidade, a comodidade e o mantemento do viario peonil é boa e acada unha puntuación de 6,5. A hora punta, agás nos días de feira, é de 18.00 a 20.00.
Dentro do transporte non motorizado tamén se inclúe a bicicleta, que ten un uso moi residual, só o 0,77%, e fundamentalmente para ocio e recreo. Sen embargo, a veciñanza valora positivamente o fomento da bicicleta e considera precisas as medidas para que se difunda o seu uso como modo de transporte habitual.
Polo que respecta ao transporte motorizado, o índice de motorización de Carballo é de 604 vehículos por 1.000 habitantes, superior ao da Coruña e outras cidades, pero na liña do “altísimo índice que hai en toda a comarca”, expuxeron as técnicas responsables do traballo. Usamos o coche para desprazamentos curtos por comodidade e hábito, e nos longos o noso principal destino é Coruña. Nun día laborable medio realízanse na nosa vila 47.451 desprazamentos en vehículo privado, e 11.400 son para distancias inferiores a 3 quilómetros, “que poderían facerse noutros modos máis sustentables”, destacaron. A hora punta coincide coa do tráfico peonil, entre as 19.00 e as 20.00, e as vías máis utilizadas son a AC-552, Gran Vía, Luis Calvo, Avenida de Malpica e Fábrica.
Na análise dos aparcamentos conclúese que hai un uso intensivo dos máis próximos ao centro, sobre todo nos días de feira, e que o nivel de máxima ocupación sitúase arredor das 19.00 horas. Nos aparcadoiros disuasorios máis afastados do centro a ocupación máxima é do 60% e acádase os días de feira ao mediodía. Ademais do centro, a zona con máis demanda de prazas é a contorna do colexio Bergantiños e o complexo deportivo Carballo Calero.
Os representantes políticos asistiron á exposición inicial previa aos traballos grupais
En canto ao tráfico pesado, que inclúe furgonetas grandes, camións e autobuses, supón o 3,52% do total nun día laborable medio. Este tipo de vehículos circulan principalmente polas rúas Vázquez de Parga, Gran Vía, Vila de Negreira e Luis Calvo.
Outro medio de transporte residual é o público, que supón o 1,25% dos desprazamentos totais. As persoas enquisadas declararon como causas do escaso uso do autobús que non hai servizo, que a frecuencia é insuficiente ou que os horarios non son axeitados.
Finalmente, o estudo céntrase na seguridade viaria e na accesibilidade como cuestións transversais que se teñen en conta en todas as áreas e que tamén deberán contemplarse á hora de definir as propostas de actuación futuras. Desde o ano 2015 os datos revelan un descenso do número de atropelos moi importante, aínda que o obxectivo é chegar a cero. As vías con máis sinistralidade entre vehículos son avenida de Bértoa, Vázquez de Parga e Gran Vía, e entre vehículos e peóns, Luis Calvo, Cemiterio Vello, Praza de Galicia, Gran Vía e Vázquez de Parga. En canto á mellora da accesibilidade, o obxectivo é continuar na liña iniciada nos últimos anos para eliminar barreiras tanto nos itinerarios peonís como no uso do transporte público ou os aparcamentos.
En breve poremos a disposición da veciñanza un enlace na páxina web para que todo o mundo teña a oportunidade de facer as súas achegas.