39 establecementos participaron no plan de formación para a mellora da competitividade do comercio local
Rematou o proxecto coa entrega dunha guía informativa e diplomas a todos/as os/as participantes
Xoves 15 de marzo do 2018 Carballo ao día
O acto rematou coa entrega de diplomas
O plan de formación para a mellora da competitividade do comercio local, impulsado desde a Concellaría de Promoción Económica, continúa avanzando. Despois dun traballo previo centrado no coñecemento do sector, que incluíu unha análise DAFO e visitas do “cliente misterioso” a vinte locais, o Concello de Carballo puxo en marcha un novo proxecto no que participaron 39 establecementos, nos que se levaron a cabo consultorías individualizadas.
Os resultados xerais foron presentados o mércores pola noite no Fórum Carballo por parte da empresa que desenvolviu o proxecto, que ademais repartiu unha guía informativa a cada comerciante. O acto rematou coa entrega de diplomas por parte do concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, que reafirmou o compromiso do goberno municipal co sector e anunciou que ao longo deste ano realizaranse novas accións de formación e dinamización.
Rede de calidade
As técnicas da empresa que desenvolveu o proxecto, co concelleiro Xosé Regueira
Desde o Concello de Carballo estamos a dar un paso máis na procura de ferramentas para que os nosos sectores económicos máis importantes gañen en competitividade, e dentro desta política apostamos pola creación dunha rede de establecementos comerciais con compromiso de mellora permanente co obxectivo de dinamizar un comercio responsable e de calidade.
A filosofía da Concellaría de Promoción Económica implica a busca constante de superación de expectativas e as melloras no comercio local. Para acadar estes obxectivos poñemos a disposición dos/as participantes ferramentas de axuda (manual de boas prácticas e ferramentas de xestión interna) nas que se reflicten requisitos obrigatorios e recomendados que atenden a cuestións como o espazo físico dos comercios, atención ao persoal, medidas medioambientais ou satisfacción do cliente, etc.
Comerciantes participantes
Os obxectivos son:
- Fomentar a mellora da calidade na prestación dos servizos dos comercios implicados.
- Aumentar a conciencia de destino turístico - comercial entre os prestadores de servizos.
- Recoñecer aos participantes e distinguilos polo seu esforzo e actitude.
- Apoiar a participación dende o sector público.