ONTE VISITARON A FEIRA DO EMPREGO DA CORUÑA
O alumnado do obradoiro de emprego intensifica os contactos co mundo do traballo no seu último mes de formación
Remata unha semana de moita actividade para as persoas que están a formarse no Fórum Carballo co obxectivo de acadar a inserción laboral
Venres 2 de marzo do 2018 Carballo ao día
Masterclass sobre cata de viños galegos no Fórum
Remata unha semana intensa para as 70 persoas que están a participar nas distintas accións formativas que se desenvolven nestes momentos no Fórum Carballo. A medida que avanzan os cursos a parte práctica vai gañándolle terreo á teórica, e iso tradúcese en actividades complementarias como a masterclass que ofreceu onte Isabel Lozano Verdes, sumiller polo Instituto Galego do Viño, ao alumnado do curso de Servizos de Cafetería e Bar. Á iniciativa sumáronse os concelleiros Milagros Lantes e Marcos Trigo, que aproveitaron a oportunidade para entrar nun sector con tanta proxección en Galicia como a viticultura da man dunha auténtica experta en viños galegos.
Charlas con empresas na Feira do Emprego
Ao mesmo tempo que esta actividade se desenvolvía nas instalacións da Escola de Hostalaría, o alumnado do obradoiro de emprego que está a formarse na especialidade de carpintería de madeira visitaba a Feira do Emprego organizada pola Cámara de Comercio no Palexco. Acompañados polo director, Andrés Seoane, e o profesorado, tiveron a ocasión de achegarse a varios stands relacionados coa especialidade que están a cursar e entregar os seus currículos laborais. De feito, o alumnado do obradoiro está xa na recta final do seu período formativo, porque o día 28 despediranse do taller de carpintería do Fórum.
Os participantes destacaron a posibilidade de poñerse en contacto de grandes firmas como IKEA ou Leroy Merlín e outras empresas punteiras no seu ámbito como Alumán, Grupo Caamaño ou Mantiñán. Pero boa parte da xornada pasárona entre charlas, conferencias e obradoiros que cualificaron como interesantes e “moi proveitosas” para o seu futuro inmediato como demandantes de emprego.
Ademais de asistir con moito interese a auténticas masterclases sobre a importancia da actitude, a motivación e as técnicas de busca de traballo, impartidas por formadores de recoñecido prestixio nacional, o alumnado carballés participou en sesións prácticas encamiñadas á elaboración de currículos e á preparación de entrevistas. Ao final tamén puideron conversar e intercambiar impresións cos propios conferenciantes, empresarios e usuarios/as doutros centros de formación. Unha experiencia moi positiva e enriquecedora que agardamos dea os seus froitos o antes posible.