O Concello de Carballo reordena os aparcamentos na rúa Severo Ochoa para incluír un carril peonil provisional
Hoxe procedeuse ao pintado do novo sendeiro, que ten como finalidade mellorar a seguridade dos viandantes mentres os terreos non sexan urbanizados pola propiedade
Luns 26 de febreiro do 2018 Carballo ao día
Os labores de pintado continúan hoxe pola tarde
O Concello de Carballo vén de acometer unha actuación encamiñada a mellorar a seguridade peonil na rúa Severo Ochoa, tal como anunciara no pleno a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana. Despois do estudo da zona realizado pola Policía Local optouse por reordenar os aparcamentos de maneira que fixeran posible a inclusión dun carril para viandantes pola marxe esquerda en dirección á avenida do Ambulatorio, para unir os dous tramos que xa están urbanizados e que contan con beirarrúas.
Hoxe procedeuse ao pintado da senda, que ademais de estar perfectamente delimitada e identificada con figuras simbólicas de peóns pintadas cada 5 metros, estará separada do carril de circulación por unha franxa raiada duns 40 centímetros de ancho que ten como finalidade reforzar a protección dos transeúntes.
En canto á circulación rodada, a rúa Severo Ochoa continuará sendo de sentido único en dirección á avenida do Ambulatorio. Na marxe dereita manteranse os aparcamentos en batería, pero as prazas serán máis amplas para facilitar o acceso tanto ao habitáculo do vehículo coma ao maleteiro.
Con estas medidas, que recollen ademais as principais demandas de usuarios/as e residentes, o Concello de Carballo considera que a seguridade peonil mellora substancialmente á espera de que por parte da propiedade se tome a iniciativa para a urbanización de todo ese ámbito.