O famoso buzo do graffiteiro Mou volve a mergullarse na esquina da Avenida das Flores e a rúa da Fábrica
Seguimos Derrubando Muros con Pintura tamén na antiga estación de trolebuses e na rúa Gran Vía
Martes 20 de febreiro do 2018 Carballo ao día
Mou reinterpreta "A orixe" nunha parede de maiores dimensións
O mar está cada vez máis preto da nosa vila grazas a proxectos como Carballo mirando ao mar, que segue presente na esquina das rúas San Xosé, Gran Vía e A Lagoa, ou Derrubando muros con pintura, que desde hai uns días, por obra e creatividade de Rachelle Cavallo, amósanos na antiga estación de trolebuses unha preciosa reprodución do último exemplar da balea azul do Atlántico. Non é o único exemplo, pero si o máis recente desta iniciativa da Concellería de Promoción Económica que supera xa o medio centenar de murais.
Nova obra de Rachelle Cavallo na antiga estación de trolebuses
Un dos favoritos de moitos e moitas era A orixe, aínda que pouca xente saiba que ese era o nome co que bautizou o seu creador, o graffiteiro Mou, ao buzo que decoraba a esquina da Avenida das Flores e a rúa Fábrica. Despois da demolición da casa que lle servira de lenzo, Mou volve a estar en Carballo para reinterpretar a súa obra nunha parede de maiores dimensións situada no mesmo lugar. Onte comezou a pintar os primeiros trazos, e en cuestión de días o famoso buzo volverá a mergullarse no mar de Carballo, nun novo espazo público gañado para o desfrute dos carballeses e carballesas nunha zona totalmente transformada recentemente coa reurbanización do primeiro treito da avenida das Flores. O proxecto do segundo, por certo, será aprobado pola corporación municipal no pleno do vindeiro luns para a súa posterior execución por parte da Deputación da Coruña, titular da vía.
Nana está pintando na parte baixa da Gran Vía
Do grupo Desordes Creativas, que tanto ten achegado a arte urbana do noso concello, non é Mou o único representante que se atopa estes días na vila. Esta semana tamén empezou a traballar Nana na parte baixa da Gran Vía, nun dos edificios que serviu de plataforma tamén para dar a coñecer as imaxes do proxecto Carballo mirando ao mar. Diana Rodeiro, nome real da artista, xa deixou pegada con esa figura de ollos grandes e mirada expresiva que emerxe das augas na rúa Ponte.