A marca Pan de Carballo estará presente esta fin de semana na feira gastronómica Xantar e na proba deportiva Trail Race
A Concellería de Promoción Económica realizará no salón ourensán degustacións de pan e empanadas
Xoves 1 de febreiro do 2018 Carballo ao día
Esta fin de semana terá moita miga, porque o Pan de Carballo vai estar presente en dous eventos ben diferentes pero que van reunir a numeroso público.
Por unha banda, e como xa vén sendo costume, a Concellería de Promoción Económica participará a partir de mañá venres no Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, que se celebra en Ourense. E, ao igual que en edicións anteriores, o pan será o produto representativo e diferenciador do noso concello, que contará cun espazo propio no stand que a Deputación da Coruña pon a disposición dos concellos da provincia.
Durante a fin de semana repartiranse moletes de pan, e ademais levaranse a cabo degustacións de pan e empanadas.
Pero a marca Pan de Carballo tamén terá presenza o domingo no Carballo Trail Race, a primeira carreira de monte organizada polo Concello coa colaboración da Agrupación Deportiva Media Ducia, a Federación Galega de Atletismo e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carballo, e na que repartiremos pan con noces e pasas entre os/as 300 participantes.