O acondicionamento da escola de Vilela como punto de encontro veciñal complétase coa instalación dun parque infantil
En canto o tempo o permita os traballos completaranse co pintado do muro de peche, como se acordou no Consello Parroquial
Mércores 10 de xaneiro do 2018 Carballo ao día
A instalación do parque infantil está case lista
Hai un ano a escola de Vilela estaba pechada. Desde que deixou de haber alumnado o edificio carecía de uso, pero a raíz da creación do Consello Parroquial xurdiu un movemento veciñal interesado en recuperar ese espazo como punto de encontro veciñal como sede dunha asociación que contribuíse a dinamizar a vida social da parroquia.
Nove meses despois da primeira reunión do Consello Parroquial, en Vilela unha hai asociación que conta con 86 membros, o interior da escola está acondicionado e esta semana comezou a instalación dun parque infantil no exterior. O compromiso incluía tamén o pintado do muro de peche exterior, que se acometerá en canto o tempo o permita.
Proba do dinamismo da parroquia de Vilela é a ampla presenza de xente nova no Consello Parroquial e que boa parte das peticións trasladadas ao Concello de Carballo teñan que ver coa posta en marcha de servizos para a infancia.