O parque infantil do CEIP A Cristina completa os investimentos anuais realizados polo Concello nos colexios
O departamento da concelleira Mar Eirís atendeu todo tipo de peticións, desde pequenos arranxos de fontanería ou electricidade ata investimentos máis importantes como o cambio de ventás
Martes 2 de xaneiro do 2018 Carballo ao día
Instalación do parque infantil no CEIP A Cristina
A Brigada Municipal de Obras está aproveitando as vacacións de Nadal para instalar un parque infantil no CEIP A Cristina, completando deste xeito os investimentos realizados ao longo do 2017 nos colexios polo Concello de Carballo. Neste caso, por poñer un exemplo, a área de Educación renovou as tubaxes da calefacción, pintou o interior do ximnasio, cambiou a cuberta do patio exterior ou renovou o portalón de acceso, atendendo ás solicitudes presentadas desde o propio centro. O parque infantil era outra das demandas da comunidade educativa á que estamos a dar resposta.
A concelleira de Educación, Mar Eirís, recolle todos os anos a fin de curso as peticións de arranxos, melloras ou investimentos en todos os colexios e escolas unitarias. Hainas de todo tipo, desde pequenas actuacións de electricidade, fontanería ou limpeza, ata obras de máis envergadura como o cambio de ventás. Esta é, de feito, unha das demandas máis recorrentes, xa que os edificios teñen certa antigüidade. Por iso, desde a área municipal de Educación está previsto ir, progresivamente, e en función da dispoñibilidade orzamentaria, substituíndo os pechamentos exteriores dos edificios que o precisen. Este ano renováronse todas as ventás da escola de Cances e 14 do CEIP Bergantiños.
Escola de Cances
Outra das peticións que se repite é a relativa ao pintado, tanto exterior coma interior, dos coles. No ano 2017 realizouse un importante investimento en pintura, o que permitiu, por exemplo, cambiar por completo a imaxe de escolas como a de Cances.
O desembolso realizado pola Concellería de Educación nestas pequenas actuacións supera amplamente os 100.000 euros. Pero ademais das necesidades concretas de cada centro, desde o departamento que dirixe Mar Eirís aténdense outras que afectan a todos, como os controis periódicos da calidade da auga, a limpeza dos areeiros ou as accións de desinfección, desinsectación e desratización.
Outros investimentos
Xunto con todas estas pequenas melloras, desde o Concello de Carballo tamén se están a impulsar outros proxectos que repercuten directamente na calidade dos nosos centros de ensino. Neste momento, sen ir máis lonxe, están en execución as obras de peche o pavillón do CEIP Xesús San Luís Romero, que supoñen un investimento doutros 100.000 euros.
Novo pavimento deportivo do pavillón do IES Monte Neme
No ano 2017 tamén se acometeu a renovación dos pavimentos deportivos dos pavillóns do IES Monte Neme e o CEIP Fogar para adaptalos á normativa europea sobre seguridade e confort do deportista e facilitar a súa utilización tanto polo alumnado en horario lectivo como polas entidades deportivas despois das clases, o que supuxo un desembolso de 80.000 euros.
A mellora da accesibilidade nas contornas escolares e ao longo das rutas do Pedibús, aínda que superan o ámbito escolar, son tamén actuacións que responden ao compromiso do Concello de Carballo cun ensino de calidade e, ao mesmo tempo, coa seguridade peonil para a poboación infantil.