A BOLSA DE TRABALLO CUMPRE 5 ANOS CONVERTIDA NUNHA REFERENCIA TANTO PARA AS PERSOAS DESEMPREGADAS COMO PARA AS EMPRESAS
O Concello de Carballo impulsa o servizo de orientación laboral e axiliza os procesos de busca de emprego a través da BDT
A oferta formativa para persoas inscritas como demandantes de emprego completarase en decembro coa posta en marcha dos cursos de Servizos de bar e cafetería e Programación de sistemas informáticos
Sábado 18 de novembro do 2017 Carballo ao día

A Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo cumprirá mañá cinco anos, e ao longo deste tempo conseguiu converterse nun servizo de referencia tanto para as persoas que buscan un emprego ou que queren mellorar a súa situación laboral como, cada vez máis, das empresas que demandan man de obra cualificada e perfís moi concretos de traballadores/as.
Dentro do proceso de mellora do servizo, o Concello de Carballo conta con dúas novas orientadoras laborais que están xa a disposición da cidadanía que se atope en proceso de busca ou mellora de emprego. Estas incorporacións permitirán impulsar os servizos de información e orientación, pero tamén axilizar os procesos de busca de emprego a través da BDT.
Nestes momentos, de feito, están abertos varios procesos nos que urxe a selección de candidatos/as para os seguintes postos:
- Carpinteiros/as metálicos, de aluminio e PVC a xornada completa para Carballo
- Carpinteiros/as de madeira oficiais de 2ª para Tordoia.
- Perruqueiros/as con experiencia para Carballo a xornada completa e para A Coruña a 30 horas semanais.
- Pinche de cociña para Carballo. Xornada completa partida.
- Chapista-Pintor/a para Carballo a xornada completa. Imprescindible 4/5 anos de experiencia no sector.
- Intalador/a en prácticas de fontanería e calefacción. Requisito obrigatorio ter cursado e superado nos últimos 5 anos un ciclo formativo vinculado co sector.
- Operario/a de redes de distribución de enerxía eléctrica para A Laracha. Xornada completa.
- Camareiros/as con experiencia para Carballo a xornada completa e partida.
- Xerocultores/as e auxiliares de axuda no domicilio para Carballo e para A Laracha. Ofrécense medias xornadas e xornada completa. Imprescindible ciclo formativo de atención sociosanitaria, auxiliar de enfermería ou certificado de profesionalidade.
- Diplomado/a en DUE, enfermería, para Carballo. Xornada completa.
Formación
Outro dos piares do servizo xestionado pola Concellaría de Promoción Económica é a formación. Neste sentido, ás 42 persoas que están preparándose agora mesmo no obradoiro de emprego de carpintería e nos cursos AFD de soldadura e electricidade sumaranse outras 30 a partir do mes que vén. O Concello de Carballo ten previsto iniciar en decembro os cursos de Servizos de bar e cafetería e Programación de sistemas informáticos, dirixidos prioritariamente a persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).
Neste momento está en marcha o proceso de selección de profesorado (poden consultarse as bases na sección de Convocatorias, nesta mesma web), e pronto comezará o do alumnado. As persoas interesadas en asistir ao curso deben dirixirse á oficina de emprego, situada na planta baixa do Fórum Carballo, onde poderán inscribirse e/ou solicitar información. Os programas de ámbolos dous cursos poden descargarse ao final desta nova.