A procura da excelencia en todos os parámetros, principal obxectivo da Concellaría de Praias para o litoral carballés
Presentado o balance da Unidade de Salvamento Acuático correspondente á temporada estival, na que se realizaron 6 salvamentos e foron atendidas 391 persoas nos postos de socorrismo
Venres 20 de outubro do 2017 Carballo ao día
Miguel Vales, Evencio Ferrero e Javier Souto presentaron hoxe o balance da temporada
A Concellaría de Praias márcase como principal obxectivo a procura da excelencia en todos os parámetros que determinan a calidade dos servizos que se prestan no noso litoral. Nese sentido, o concelleiro responsable da área, Miguel Vales, aludiu á recente renovación de dous dos certificados máis esixentes da Unión Europea -EMAS e ISO 14:001- á hora de facer balance da temporada estival, do mesmo xeito que destacou que nas 61 analíticas realizadas entre o Concello de Carballo e a Consellería de Sanidade as augas de baño acadaron a cualificación de excelente, polo que agarda que, de cara ao vindeiro ano, poida retirarse o cartel que este verán desaconsellaba o baño na desembocadura do rego de Arnados.
Desde o punto de vista medioambiental, a campaña que vén de rematar tamén estivo marcada pola convivencia coa píllara das dunas, unha especie protexida que obrigou a establecer un sistema de limpeza manual entre o río de Arnados e a desembocadura da ría de Baldaio, “unha zona que, por outra banda, é máis de tránsito que de asentamento”, matizou.
O obxectivo, engadiu o alcalde é seguir mellorando “día a día” en colaboración “con todos os sectores implicados” no desenvolvemento sostible do noso litoral. Evencio Ferrero destacou que as praias carballesas atraen cada vez a máis xente e máis lugares, en boa medida grazas ás excelentes condicións para a práctica do surf, e nese sentido avogou por poñer en valor e prestar “unha atención especial” ao coidado dos areais.
Moita afluencia
Imaxe da praia de Razo correspondente ao 22 de agosto
No balance da temporada, o coordinador de Protección Civil, Javier Souto, destacou sobre todo a “gran afluencia” que rexistraron as praias. En cuestión de números, o verán pechou con 6 salvamentos e 391 persoas atendidas nos postos de socorrismo, tal como figura no balance adxunto. O responsable do servizo lamentou o falecemento dun veciño de Imende, que sufriu unha parada cardíaca, e lembrou que ata a vindeira campaña as praias están “oficialmente pechadas ao baño”, polo que aconsella “extremar precaucións”.
Outro aspecto negativo ao que aludiu é a dificultade para cubrir as prazas de socorristas, o que impide estender o servizo ás praias de Leira e Arnela. “Levamos dous anos intentándoo, pero por circunstancias alleas á nosa vontade non podemos, porque sen xente non é posible. Polo tanto, temos que centrarnos onde está o 95% dos usuarios”, explicou.