Xan Fernández guiará a ruta polo centro de Carballo que porá fin ás actividades da Semana da Mobilidade
Ademais da ruta a pé, esta fin de semana tamén haberá un percorrido urbano en bicicleta para nenos e nenas
Martes 3 de outubro do 2017 Carballo ao día
Despois da gran participación que rexistraron todas as actividades celebradas a fin de semana pasada, a Concellaría de Planificación e Mobilidade Urbana proponvos volver a tomar as rúas esta fin de semana.
Para o sábado está prevista unha ruta urbana en bicicleta para nenas e nenos, que irán acompañados por membros dos clubs ciclistas Carballo, Monteneme e Media Ducia. O obxectivo da iniciativa é achegar aos participantes unha serie de nocións básicas para que aprendan a circular polo casco urbano con seguridade, convivindo cos outros medios de locomoción. A saída realizarase ás 11.30 desde a Praza do Concello.
O domingo rematará a Semana da Mobilidade cunha ruta a pé polo centro urbano. O obxectivo é realizar o percorrido que figura na “Guía de Carballo” que elaborou Xan Fernández Carrera. E por iso contaremos co propio autor como guía. Os participantes concentraranse na entrada da Casa do Concello para iniciar unha ruta e hora e media, aproximadamente, que nos levará pola Lagoa, o Museo de Bergantiños (realizarase un reparto de material informativo), a igrexa de San Xoán Bautista, a Praza de Galicia, o Balneario (haberá un percorrido guiado polas instalacións) e a Praza do Concello. A saída está prevista para as 11 e a ruta está aberta a persoas de todas as idades interesadas en coñecer máis de preto a historia do noso pobo.
Para participar nestas actividades basta con achegarse á hora fixada ao punto de encontro, pero, por cuestións organizativas, agradecémosvos unha inscrición previa. Podedes realizala enviando unha mensaxe a través das redes sociais do Concello e Carballo ou un correo electrónico a secretarioalcaldia@carballo.gal.
Balance provisional positivo
Na Pequerruta organizada pola AD Media Ducia cubríronse as 50 prazas dispoñibles
Esta fin de semana rematará, polo tanto, a Semana da Mobilidade. A falta destas dúas últimas actividades, o balance da experiencia está a ser moi positivo. A promoción dos camiños escolares, a implicación de entidades como os clubs ciclistas ou a xunta local da Asociación Española contra o Cancro e a alta participación nas propostas deseñadas son a mostra de que algo se move en Carballo. A maiores, durante estas semanas están a levarse a cabo, tamén con moi boa acollida, os traballos de campo para a elaboración da estratexia de mellora e xestión do espazo público.