Reordenación da circulación rodada na contorna do centro de saúde para mellorar a seguridade e a fluidez do tráfico
A modificación realizada na rúa Severo Ochoa permitiu gañar 20 prazas de aparcamento nunha zona con moita demanda
Xoves 3 de agosto do 2017 Carballo ao día
Rúa Severo Ochoa
O Concello de Carballo vén de acometer, a proposta da Policía Local, unha reordenación do tráfico na contorna do centro de saúde. O obxectivo fundamental é mellorar a seguridade, tanto dos peóns como dos condutores, e de racionalizar os accesos e saídas cara a travesía da AC-552 para conseguir unha maior fluidez da circulación rodada.
Deste xeito, a Ramón y Cajal e a Severo Ochoa quedan como rúas de acceso á zona do centro médico e a Gregorio Marañón, situada entre as outras dúas, de saída desde a avenida do Ambulatorio cara a Vázquez de Parga.
A principal modificación afecta á Severo Ochoa, que ata agora era unha vía de dobre dirección e pasa a ter sentido único, o que permitiu crear unha zona de estacionamento en batería e outra en liña, creando deste xeito 20 novas prazas para vehículos nunha zona con moita demanda de aparcamentos.