Íntegro entrega ao Concello de Carballo unha placa de agradecemento polo seu apoio ao longo dos 25 anos de vida da asociación
O presidente da entidade e a directora do centro de recursos de Nantón reuníronse hoxe co alcalde e a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana
Mércores 7 de xuño do 2017 Carballo ao día
O presidente da Asociación Íntegro, Adolfo López Baña, e a directora do centro de recursos que a entidade xestiona en Nantón (Cabana), Noelia Barreira, mantiveron hoxe unha xuntanza co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes. O obxectivo era entregar ao Concello de Carballo unha placa de agradecemento polo seu apoio ao longo dos 25 anos de vida da asociación, pero a xuntanza serviu ademais para poñer en común outras cuestións e para abordar posibles fórmulas de colaboración futuras.
O alcalde agradeceu a deferencia dos representantes de Íntegro de desprazarse ata Carballo para facer entrega da placa que o goberno municipal non puido recoller no acto organizado pola asociación en Cabana o pasado 20 de maio, data do tráxico suceso que lle custou a vida ao noso axente da Policía Local José Luis Garea Vales Evencio Ferrero reiterou ademais o compromiso e o apoio do Concello de Carballo coas entidades que desenvolven a súa actividade no eido social.
O Concello de Carballo abrirá en breve a convocatoria de subvencións a entidades que traballan no eido social por un importe total de 32.000 euros
Nese sentido, o goberno municipal vén de aprobar esta mesma semana as bases da convocatoria de subvencións para fomentar actividades no eido dos servizos sociais promovidas por entidades sen ánimo de lucro. O Concello de Carballo destinará a esta liña de axudas, para a cal abrirase en breve o prazo de solicitude, un total de 32.000 euros.