A Xunta de Goberno inicia o proceso para a elaboración do plan especial de ordenación do núcleo rural de Pedra do Sal
Na sesión ordinaria de hoxe foron aprobadas outras catro licencias para a construción de naves no polígono industrial de Bértoa
Luns 5 de xuño do 2017 Carballo ao día
Hai menos dun mes a Xunta de Goberno Local puxo en marcha o proceso administrativo previo á redacción do plan especial de protección, infraestruturas e dotacións en Arnados (Razo). Precisamente mañá remata o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas propostas. Pero o Concello de Carballo sigue avanzando de cara á concreción dos usos urbanísticos no litoral, xa que na sesión ordinaria de hoxe a Xunta de Goberno Local aprobou do expediente de contratación da redacción do plan especial de ordenación do núcleo rural de Pedra do Sal e protección do seu entorno. Como no caso anterior, o prazo de execución dos traballos é de 25 meses, ao longo dos cales terán especial importancia os procesos de participación e información pública.
En materia urbanística tamén saíron adiante na xuntanza de hoxe varias licencias de obras, entre elas catro para a construción doutras tantas naves no polígono industrial de Bértoa, no que continúa a actividade a un ritmo moi elevado. A maiores concedeuse autorización para a ampliación do tanatorio situado na rúa Mimosas.
Por outra banda, a Xunta de Goberno local aprobou as bases para a convocatoria de subvencións destinadas a asociacións que desenvolven a súa actividade no ámbito dos servizos sociais e a entidades deportivas.