CARBALLO POR ETAPAS
Creatividade e produtos galegos serán os principais ingredientes da hostalaría local no 3º Curso de Elaboración de Tapas
A iniciativa da Concellería de Promoción Económica constará de dúas sesións formativas no Fórum impartidas por Kike Piñeiro e Eloy Cancela, do restaurante compostelán A Horta do Obradoiro
Sábado 6 de maio do 2017 Carballo ao día
Kike Piñeiro xa impartiu o 1º Curso de Elaboración de Tapas, ao que corresponde esta imaxe
Carballo por Etapas non é unicamente unha ruta de tapas, senón tamén un escaparate para os 18 locais de hostalaría que a integran nesta edición. Ofrecer a mellor imaxe posible do sector, dotando aos profesionais dos coñecementos gastronómicos necesarios para que poidan ampliar a súa oferta de tapas baseadas nun tratamento sinxelo e innovador dos produtos autóctonos, é o principal obxectivo do Curso de Elaboración de Tapas que organiza a Concellería de Promoción Económica, e que chega este ano á súa terceira edición. Serán dúas sesións formativas, os luns 8 e 15, nas instalacións da Escola de Hostalaría do Fórum Carballo, e que serán impartidas por Kike Piñeiro e Eloy Cancela, do restaurante compostelán A Horta do Obradoiro.
En liñas xerais, o curso pretende mellorar a calidade gastronómica dos negocios de restauración, modernizar a cociña local, reforzar Carballo por Etapas como un evento importante para o sector, fomentar a cultura do tapeo, promover a especialización na elaboración de determinadas receitas por parte de cada un dos establecementos participantes, asesoralos de cara a futuras accións e buscar a tipoloxía de tapas que mellor se adapte a cada local.
Kike Piñeiro, na cociña do Fórum Carballo
As pezas fundamentais da formación serán a creatividade e a utilización de produtos galegos de calidade. O curso abranguerá seis horas de formación divididas en dúas sesións que se celebrarán de 16 a 19 horas, e que constarán dun showcooking e práctica na cociña.
Boa parte dos/as participantes volverán a traballar con Kike Piñeiro, que xa impartiu o curso do ano 2015. Estamos a falar dun chef de prestixio, como demostrou conseguindo o Premio Nacional de Gastronomía no anos 2011, despois de ter colaborado en numerosos paradores e traballado en distintas cidades. O estilo actual de Kike Piñeiro está centrado na cociña tradicional galega, influenciada polas tendencias internacionais e polas múltiples experiencias persoais do chef. Xunto a Eloy Cancela forma o equipo director da Horta do Obradoiro, en Compostela, e colaboran con iniciativas de coñecemento e mellora da cociña galega como a Festa do Marisco, PescadeRías, Galicia Calidade ou Mel de Galicia.