As 25 familias da Milagrosa que participaron no primeiro plan de compostaxe urbana de Galicia conseguiron 35 toneladas de compost
Á espera de que a Xunta constrúa a anunciada planta de compostaxe de Cerceda, o programa piloto de Carballo chega á súa fin demostrando que o sistema funciona e ten futuro
Venres 28 de abril do 2017 Carballo ao día
Estaba previsto que durase seis meses e foron quince, pero ás 25 familias do barrio da Milagrosa que participaron no proxecto piloto “Ti tes a chave” gustaríalles que fosen aínda máis. De momento, sen embargo, a experiencia toca á súa fin, como lles comunicaron o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e o delegado da empresa concesionaria da xestión dos residuos, Luis Ángel Torre, nunha xuntanza celebrada no Fórum. E remata despois de acadar uns resultados excelentes que demostran, ademais, que a compostaxe é viable e que pode ser rendible.
Carballo é o primeiro concello galego que desenvolve un programa de compostaxe urbana. “Ninguén en Galicia fixo unha experiencia como a vosa”, asegurou Luis Ángel Torre, que se mostrou convencido de que “tarde ou cedo” será preciso poñer en marcha un sistema diferenciado para o tratamento dos residuos orgánicos. De feito, Luis Lamas insistiu en que este non é un adeus, senón un ata logo, para “Ti tes a chave”, á espera de que a Xunta constrúa a anunciada planta de compostaxe de Cerceda. “Non tería sentido que o Concello de Carballo fixese un investimento desa envergadura se vai haber unha planta para toda Galicia en Cerceda”, sinalou o concelleiro de Obras e Servizos.
Luis Lamas e Luis Ángel Torre, na presentación dos resultados
O proxecto “Ti tes a chave” remata agora porque grazas á colaboración do voluntariado verde do barrio da Milagrosa foi posible obter compost. As 25 familias xeraron 35 toneladas de compost nestes 15 meses. Precisamente un dos éxitos da experiencia é que permite coñecer o volume de residuos orgánicos que xera unha familia, e que se sitúa nunha tonelada ao ano. “O tratamento de cada tonelada en Sogama custa 65 euros, o cal significa que son moitos cartos os que poderían aforrarse se a compostaxe chegase a toda a poboación”, manifestou Luis Lamas.
Durante estes 15 meses, as 25 familias depositaron os restos orgánicos en cadanseu colector de cor marrón. Cada unha tiña a chave do seu, e encargábase de realizar a selección previa seguindo os criterios explicados ao inicio da experiencia. É tanta a concienciación que houbo “cero impropios”, como resaltou Luis Ángel Torre. Agora comezará a retirada dos colectores, pero os participantes conservarán a chave de recordo, así como cadansúa bolsa cunha mostra do compost que puido producirse grazas á súa colaboración. Dende o Concello de Carballo queremos agradecerlles a súa implicación para que a xestión dos residuos sexa cada vez máis racional.