As rúas Ponte e Desiderio Varela estarán accesibles para o tránsito peonil durante a Semana Santa
O primeiro treito da avenida das Flores tamén está listo
Martes 11 de abril do 2017 Carballo ao día
Obras na rúa Desiderio Varela
As obras viarias que están a desenvolverse no casco urbano avanzan a moi bo ritmo, e todo indica que este verán comezará sen obstáculos para a circulación, tanto para a rodada como para a peonil. De momento, esta Semana Santa as rúas en obras estarán accesibles só para os viandantes.
Na rúa Ponte, o equipo de Construcciones Vázquez y Reino deixa pendente para despois das vacacións a construción da rotonda na intersección con Luis Calvo, Perú e Fábrica, así como o remate do chaflán da antiga fábrica de Conservas Calvo. Aínda que a vía está rematada, polo momento non se abrirá para os vehículos para darlle tempo a que o formigón fragüe convenientemente, pero as vallas retiraranse para facilitar o paseo por unha nova zona de tránsito preferente para os peóns.
Do mesmo xeito, na rúa Desiderio Varela, na que xa se está a colocar o adoquín no carril central de circulación, a intención da empresa Construcciones López Cao é que as zonas que vaian quedando rematadas se vaian abrindo tamén para os peóns.
O primeiro treito da avenida das Flores está listo
No barrio de San Cristovo, por unha banda, o primeiro treito da avenida das Flores xa está tamén accesible para o tránsito peonil. Despois da Semana Santa a empresa Excavaciones y Obras Candal acometerá os traballos no tramo comprendido entre as rúas Caravel e Papoulas, que completará esta primeira fase da travesía de Sísamo. Por outra banda estase a executar o proxecto de mellora da accesibilidade en varias rúas do barrio. Nestes momentos a empresa Lancer traballa na rúa Mirtos.