A Concellaría de Terceira Idade estende o baile social aos centros sociais das parroquias
Este mes haberá música en directo todos os domingos, tanto no Pazo da Cultura como nos locais de Cances e Berdillo, nos que se pon en marcha a actividade de forma experimental
Sábado 8 de abril do 2017 Carballo ao día
Este mes haberá baile con actuacións en directo todos os domingos
Este mes haberá música en directo todos os domingos nos bailes que organiza a Concellaría de Terceira Idade. Pero esa non é a única novidade, senón que ademais, e de maneira experimental, a actividade non se desenvolverá unicamente no Pazo da Cultura, senón que se estende ás parroquias. As primeiras serán Cances e Berdillo, pero, en función da acollida que teña, a experiencia repetirase e levarase tamén a outros centros sociais.
Este domingo, 9 de abril, o baile será, como sempre, de 18 a 21 horas no último andar do Pazo da Cultura e contará coa actuación en directo de Rocío Pérez, que volverá a cantar o día 16 tamén no Pazo. O día 23 o baile trasládase ao centro social de Berdillo, no que tocará o Dúo Arenal, e o día 30 será de novo Rocío Pérez a que anime a sesión musical, neste caso no centro social de Cances. As asociacións que xestionan os locais das parroquias acolleron de moi bo grado a proposta da Concellaría de Terceira Idade, que pretende ir ampliando e estendendo polo territorio dun xeito progresivo as actividades para as persoas maiores.
A concelleira, Carmen Regueira, avanzou tamén que para o mes de maio xa está prevista a presenza de Sintonía da Cruña os días 14 e 28 no Pazo da Cultura.