O corte da Desiderio Varela esténdese a toda a rúa e a Jacinto Amigo cambia de sentido para facilitar os accesos aos garaxes
Estas medidas aplicaranse a partir do mércores 5 de abril e permitirán axilizar as obras para que poidan rematar no mes de maio
Luns 3 de abril do 2017 Carballo ao día
No primeiro treito xa se está traballando na pavimentación ao mesmo tempo que nos servizos
As obras na rúa Desiderio Varela avanzan a bo ritmo, pero para que a execución sexa aínda máis rápida e poidan estar rematadas xa no mes de maio, a partir de mañá acometerase a reordenación precisa para que a empresa Construcciones López Cao poida empezar coas canalizacións no treito comprendido entre Jacinto Amigo Lera e a Gran Vía, e avanzar ao mesmo tempo na pavimentación entre Jacinto Amigo Lera e Colón. Deste xeito non será preciso agardar a que estea listo un tramo para empezar a traballar no outro, o que axilizará a actuación dun xeito considerable.
A partir do mércores, polo tanto, a rúa Desiderio Varela estará cortada ao tráfico na súa totalidade, e só poderán utilizala os usuarios dos garaxes. Os propietarios do edificio O Cedro e do da rúa Jacinto Amigo Lera, que ata agora accedían dende a Gran Vía, terán que entrar pola rúa Jacinto Amigo Lera, que cambia de sentido provisionalmente. O mércores estará colocada a sinalización correspondente.
Polo demais, os días de feira seguirá permitido o acceso á Desiderio Varela dende Vázquez de Parga e a circulación pola rúa Colón ata a Cervantes.
O Concello de Carballo pide desculpas polas molestias ocasionadas, que, precisamente, intenta reducir no tempo coas medidas que entrarán en vigor o mércores.