Empresas, entidades e institucións acollen en prácticas aos monitores de tempo libre formados pola BDT
O curso organizado pola Concellaría de Promoción Económica incluíu 200 horas teórico-prácticas e 150 de prácticas externas
Sábado 1 de abril do 2017 Carballo ao día
Unha parte do alumnado realizará as prácticas en campamentos de verán
Os 24 alumnos e alumnas do curso de monitor/a de tempo libre que remataron satisfactoriamente a formación teórico-práctica organizada pola Concellaría de Promoción Económica, a través da BDT, están xa realizando (ou a piques de facelo) prácticas en empresas, entidades e institucións.
A Bolsa de Traballo conta cun amplo abano de colaboradores, entre os que figuran o departamento de Cultura do propio Concello de Carballo, pero tamén outros CEL Attendere (A Coruña), ADACECO (Asociación de Daño Cerebral Adquirido de A Coruña), Escola Infantil As Estreliñas (Carballo), Dínamo Xestión de Actividades Socioculturais (A Coruña), Serindoc Bibliotecas (Carballo), Arakataca (Carballo), Asociación Íntegro para as Persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte (Nantón-Cabana de Bergantiños) e Aspaber (Carballo). Así mesmo, unha parte do alumnado poderá poñer en práctica os coñecementos adquiridos nos campamentos de verán que desenvolverán distintas entidades no noso concello.
O curso de Monitor/a de Actividades de Tempo Libre é unha titulación homologada pola Direción Xeral de Xuventude da Consellería de Benestar Social da Xunta de Galicia válida para o desempeño de dita profesión no territorio galego.