En marcha unha nova edición de Carballo por Etapas, que se celebrará a última fin de semana de maio e a primeira de xuño
A hostalaría carballesa ten de prazo ata o 3 de abril para inscribirse
Xoves 16 de marzo do 2017 Carballo ao día
Na primeira reunión estiveron representados 12 establecementos de hostalaría
A quinta edición de Carballo por Etapas xa está en marcha. Aínda que o tren turístico non fará a súa saída ata o 26 de maio, o Concello de Carballo, organizador do evento xunto con Axober, xa está a traballar co sector da hostalaría nos preparativos para a popular ruta de tapas.
Doce empresarios e empresarias do sector asistiron á primeira xuntanza, na que se fixou a celebración da ruta para a última fin de semana de maio e a primeira de xuño. Coma nos anos anteriores, o horario de Carballo por Etapas será de 20 a 22 horas os venres, e tanto o sábado coma o domingo ampliarase tamén ao mediodía, de 12 a 14 horas. Os clientes dos locais participantes recibirán con cada tapa un boleto co que poderán conseguir premios instantáneos.
As tapas custarán 1,5 euros, igual que na pasada edición. A primeira fin de semana, coa colaboración de Calvo Conservas, o produto estrela será o atún, mentres que a segunda estará dedicada aos produtos de Bergantiños.
Agora ábrese un prazo de inscrición para que poidan sumarse todos os establecementos que o desexen. A data límite para confirmar a participación é o 3 de abril, e os interesados poden poñerse en contacto con Axober no 981 756 313.