Excelente acollida da proposta da Concellaría de Promoción Económica para ofrecer formación personalizada ao comercio
As 15 prazas foron asignadas por orde de inscrición, e as solicitudes que se reciban ata o día 10 pasarán a integrar a lista de agarda
Mércores 8 de marzo do 2017 Carballo ao día
As 15 prazas ofertadas pola Concellaría de Promoción Económica para o novo curso de formación para o comercio non só están xa cubertas, senón que hai lista de agarda. O prazo de inscrición está aberto ata o día 10, e as solicitudes que se reciban quedarán á espera das posibles baixas que poidan producirse. A posibilidade de recibir formación personalizada, axustada ás necesidades de cada negocio, e con sesións individuais no propio centro de traballo son tres factores que influíron decisivamente na excelente acollida da iniciativa.
A actividade formativa, que se desenvolverá ao longo deste mes e do que vén, inclúe un estudo da contorna, da competencia, os clientes, o negocio e o seu funcionamento. A partir de aí elaborarase unha estratexia global en función das necesidades do/da comerciante, definindo pautas a seguir e a súa posta en marcha. Tamén se realizará unha análise da evolución e dos resultados acadados, axustando as pautas aos obxectivos.
Con respecto ao establecemento dende o punto de vista da imaxe, o curso inclúe unha análise da colocación do produto e a súa axeitada implantación e rotación, definindo zonas frías e quentes. A montaxe de escaparate e a súa utilización como ferramenta de venta, e a planificación de diferentes campañas de escaparates e promoción anual tamén forman parte do contido. Outro bloque do curso abrangue o estudo das debilidades, fortalezas e oportunidades de mercado do negocio analizado, o perfil de clientes, estratexias de fidelización, diferenciación da competencia e atención ao cliente e estratexia de ventas.