A veciñanza da rúa Xúpiter xa poderá utilizar durante o Entroido as novas beirarrúas
As obras reanudaranse o mércores no carril central de circulación
Venres 24 de febreiro do 2017 Carballo ao día
A rúa Xúpiter lucirá moi pronto o seu novo aspecto. As obras están moi avanzadas. Os operarios da empresa adxudicataria, Construcciones Ramón Vázquez y Reino, pretendían deixar rematadas hoxe as beirarrúas para, á volta da ponte do Entroido, empezar a traballar xa no carril central de circulación. Así llo fixeron saber ao alcalde, Evencio Ferrero, e ao concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, durante a visita que realizaron hoxe pola mañá á rúa.
Luis Lamas e Evencio Ferrero visitaron hoxe as obras
A veciñanza está moi satisfeita coa rapidez e o desenvolvemento en xeral das obras, que arrancaron hai pouco máis dun mes. A raíz da petición popular de eliminar os aparcamentos previstos foi posible ampliar aínda máis as beirarrúas, mellorando así a mobilidade peonil e reforzando a seguridade. A rúa Xúpiter continuará aberta á circulación, con sentido único, pero xa non se poderá estacionar.
O Concello de Carballo completará o proxecto, financiado cos fondos do Plan de Acción Social (PAS) con máis de 75.000 euros, coa instalación de mobiliario urbano.