O SELO ENGAIOLARTE ENCÁRGASE DA EDICIÓN
Derrubando muros con pintura e o festival Rexenera Fest, os proxectos de arte urbana de Carballo, convértense en libro
Xoves 22 de decembro do 2016
Un momento da presentación do libro no Fórum Carballo
“Derrubando muros con pintura” e o Rexenera Fest, o Festival Internacional de Arte Pública de Carballo, xa teñen o seu libro, Carballo: derrubando muros con pintura. Este volume está fermosamente editado polo selo Engaiolarte, detrás do que están Xan Carballa e, para esta ocasión, como fotógrafo e ilustrador, Xulio Gil, Premio da Crítica Galicia en Artes Plásticas e Visuais en 2013. Prologado polo escritor Xurxo Chapela, o libro recolle todos os murais que reinterpretan a realidade de Carballo para mellorala, pouco a pouco, nunha transformación dos espazos comunitarios da vila e sempre pensando nas persoas.
Dez xornalistas e escritores da contorna deixan as súas impresións sobre os murais que xa forman parte do museo a ceo aberto de Carballo
Están as obras de todos os artistas locais que veñen participando cada ano no proxecto e tamén as dos dez pintores e grafiteiros convidados ás dúas edicións celebradas do Rexenera Fest e que en Carballo: derrubando muros con pintura aparecen comentadas por destacados autores e xornalistas carballeses: sobre os traballos de Bordalo II, Pixel Pancho, Nómada, Aryz, Dulk, Case Maclaim, Hyuro, No3l, Natalia Rak e Isaac Mahow deixan as súas suxestivas impresións Henrique Mariño, Cristina Abelleira, Xurxo Borrazás, Rosalía Fernández Rial, Ignacio Silva, Santi Pazos, Santi Garrido, Patricia Blanco, Farruco Graña e Belén Puñal.
Unha guía da vila
O libro Carballo: derrubando muros con pintura é unha guía turística imprescindible que leva a Carballo e aos murais das súas rúas ás librarías de toda Galicia. E que tamén atopa outras manifestacións, como a literatura presente no libro ou os documentais e a música de Fran Rodríguez e de Nani Mouro para “Derrubando muros con pintura” e o Rexenera Fest. Porque Carballo tamén é arte.
Hai que lembrar que "Derrubando muros con pintura" naceu en 2014 cando se substituíu unha lona ubicada a carón da glorieta do barrio da Milagrosa por un mural da italiana Roberta Venanzi e da manchega Paula Fraile. O proxecto medrou ata converter a vila nun museo a ceo aberto contra o feísmo. Acadou en tan pouco tempo tal recoñecemento internacional, que moitos artistas de todo o mundo cursan cada ano solicitudes para participar no Rexenera Fest e pintar nos valados e paredes de Carballo. Quen non tivese ocasión de contemplar a pé de rúa as obras, preto de medio centenar, pode facelo agora neste libro.