O PRAZO DE EXECUCIÓN DOS TRABALLOS É DE 6 MESES
Comezan as obras da 1ª fase da travesía de Sísamo da capital municipal por un importe superior aos 270.000 euros
Xoves 15 de decembro do 2016
O acto de sinatura da acta de reformulo tivo lugar no quilómetro O
Hoxe, xoves 15 de decembro, vén de asinarse no punto quilométrico 0 a acta de reformulo da Fase 1 das obras de mellora da Travesía de Sísamo (estrada provincial DP-1901), no treito que transcorre precisamente entre o quilómetro 0,000 e o 0,310. O proxecto está incluído nas actuacións da quinta fase do Plan de Travesías 2015 da Deputación da Coruña e o prezo de adxudicación foi de 270.717,75 euros (IVE incluído), cun prazo de execución previsto de seis meses. A empresa encargada dos traballos será Excavaciones y Obras Candal SL.
O prazo de execución previsto é de seis meses e a empresa encargada dos traballos será Excavaciones y Obras Candal SL
Estiveron no acto, entre outros, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas; os deputados provinciais Xosé Regueira, Deputado de Cooperación, Plans provinciais xerais, Asistencia a municipios, Turismo e Patrimonio histórico-artistico e Xosé Manuel Pequeño, Deputado de lnfraestruturas Viarias, Vias e Obras provinciais e Medio Ambiente, e representantes da empresa adxudicataria.
Mellora do firme e das beirarrúas
As obras suporán o soterramento dos servizos, incluídos os saneamentos, a liña eléctrica, a rede de gas e a rede de telecomunicacións. Os traballos tamén inclúen a mellora do firme da vía, coa creación dunha calzada de plataforma única (coas beirarrúas á mesma altura que o firme para os vehículos) e a reposición e soterramento de todos os servizos, incluídos os saneamentos, a infraestrutura de enerxía eléctrica (media e baixa tensión), o alumeado público, a rede de telecomunicacións (telefonía e cable) e a rede de gas. A actuación tamén inclúe a dotación de mobiliario urbano.